O pasado venres tivo lugar en Madrid, no marco de Fitur, a presentación de Baiona: “Baiona, un dos mellores destinos sostibles do mundo- Quality Coast Gold Award”.Acto que foi presentado pola concelleira de Turismo e Igualdade, Sheila González Martíns.
Na súa intervención a Concelleira destacou: “Creo firmemente que a procura da sustentabilidade é o camiño que hai que seguir para ver cara ao futuro, sen esquecer o pasado. Hai máis de 10 anos que Baiona comezou a traballar no proxecto Quality Coast, orientado á sosteniblidad global do destino, e que nos levou a conseguir a certificación que hoxe mantemos e que nos incluíu no Top 100 de destinos turísticos sostibles do mundo. Ademais, varias das nosas accións concretas foron elixidas como “historias de éxito” para poñer de exemplo a outros destinos: como a exitosa e pioneira campaña de praias sen fume, a escola de vela adaptada do Monte Real Club de Yates, a reconversión dunha antiga cetaria en centro de talaso natural ou o safari etológico do cabalo garrano, orixinario dos nosos montes, e que tanta importancia ten non só a nivel faunístico se non tamén a nivel cultural e tan arraigado en moitas familias do noso municipio”.
Para a concelleira esta certificación non só valora o traballo de Baiona no campo do turismo se non que ten moi en conta a xestión ambiental, os proxectos sociais, a protección ao patrimonio material e inmaterial, a seguridade ou o coidado dos nosos recursos. Ademais da xestión municipal, subliñou cómo “tamén se recoñece o labor do tecido asociativo e, sobre todo, do empresarial, que é imprescindible neste camiño cara á sustentabilidade.”
Outro eixo fundamental de Turismo de Baiona será a aposta social: “continuaremos loitando pola igualdade, por erradicar a violencia de xénero, pola accesibilidade para todos e todas e pola creación de emprego. Seguiremos traballando na mellora da sustentabilidade municipal, no amplo sentido da palabra, para que Baiona siga sendo recoñecido como un dos mellores destinos sostibles do mundo”
Na presentación proxectouse un vídeo de Baiona, no que con bonitas imaxes mostrou os atractivos da Villa, e convidou a visitala os 366 días que ten este ano. “BAIONA SEMPRE” é o slogan que pecha o vídeo.
Para finalizar a súa intervención, Sheila González convidou a todos os asistentes, á 28ª edición da Festa da Arribada, que se celebrará en Baiona os días 1, 2 e 3 de marzo.
TURISMO BAIONA RESTO AXENDA FITUR 2024




