O Concello de Baiona iniciará os próximos días a recuperación da senda fluvial e a rede de saneamento que discorre baixo o río Fraga, en Baredo. Os temporais do inverno pasado provocaron danos nunha pasarela e na canalización de augas residuais, polo que será nestes puntos nos que se centrarán os traballos. Ademais colocaranse colectores de PVC nun tramo de 780 metros e a construción dun pequeno muro nun meandro do río.
Os traballos levaraos a cabo a empresa Sergonsa Servizos S.L., que asinou esta semana o contrato. Teñen un custo de 254,692,90 euros, achegados pola Deputación de Pontevedra a cargo do Plan Provincial de Obras e Servizos 2015. A empresa realizará o mantemento da senda durante 5 anos, ocuparase da restitución puntual de madeiras rotas, danadas ou que presenten danos, así como doutras incidencias que se poidan producir. Ademais, ofrece unha garantía de 240 meses.
Prevese que a obra estea terminada en tres meses.
“Con esta actuación mellórase unha zona do municipio cun enorme potencial de atractivo natural. O Concello de Baiona aposta fortemente por impulsar o coñecemento do patrimonio ambiental e cultural das parroquias.” , sinala o alcalde de Baiona, Angel Rodal.
O paseo fluvial de Baredo forma parte do percorrido polo que transcorre a senda fluvial e litoral do Concello de Baiona presentada este verán. Este itinerario é moi interesante para aquelas persoas que lles apaixonen a natureza. Ademais, As novas rutas ambientais, pola que transcorre a senda para reparar, veñen complementar a oferta turística e cultural da localidade.




