Será o primeiro dos 14 escape rooms temáticos postos en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño relacionados coa cultura, historia e patrimonio dos concellos do territorio
Baiona e a súa historia serán o punto de partida dunha aventura única, ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se realizarán 14 xogos de escapismo temáticos e ao aire libre nos concellos do territorio. Unha inmersión fascinante na riqueza cultural e histórica de cada un dos municipios aberto a todos os públicos e totalmente de balde coa que coñecer os segredos e explorar os máis variados recunchos dos 14 concellos.
‘Eureka Reto Rural’ comezará a súa travesía este domingo 12 de maio en Baiona, onde as persoas participantes poderán mergullarse na emocionante historia da arribada da Carabela Pinta. A través dun percorrido polas rúas do seu porto e polo centro histórico, as e os xogadores serán transportados ao 1 de marzo de 1493, data na que a vila se converteu no primeiro porto da Europa continental en coñecer a noticia do descubrimento de América. Prazas, monumentos e puntos emblemáticos do concello servirán como escenario para descubrir a repercusión deste feito histórico.
As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro no Paseo da Ribeira ás 11.30 horas. As probas e xogos realizaranse nunha ruta circular con dificultade moderada segundo a distancia a camiñar e accesible para persoas con mobilidade reducida. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.
‘Eureka Reto Rural’ comezará a súa viaxe en Baiona, marcando o inicio dunha aventura que explorará os 14 concellos integrados no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Todos os xogos virtuais estarán deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo. Nesta ocasión o agasallo será unha experiencia enogastronómica no Concello de Soutomaior para seis persoas, con visita a un viñedo ancestral con bodega e museo, cata e comida comporta por catro pratos de produtos da ría e razas autóctonas e maridaxe de tres viños na Adega Quinta das Eiras. Ademais, entre todas as persoas participantes o Concello de Baiona sorteará un lote de produtos do territorio.
As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Baiona serán:
- 18 de maio. Nigrán. ‘Domingo Villar – A praia dos afogados’.
- 26 de maio. Tui. ‘A comunidade xudía en Tui’.
- 8 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.
- 15 de xuño. A Guarda. ‘A esencia mariñeira’.
- 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.
- 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
- 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
- 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
- 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
- 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
- 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
- 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
- 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.