Os próximos días sábado 3 e domingo 4 de outubro, a vila de Baiona vivirá a segunda edición do chamado “URBAN BAI”, unha celebración deportiva na que se mesturan os deportes chamados “de descenso ou de inercia” con outras especialidades que se practican nas contornas urbanas.
Segunda edición do Urban Bai os próximos días 3 e 4 de outubro coa gran novidade de que as probas de descenso serán válidas para o campionato de Galicia da especialidade
Esta segunda edición – patrocinada e organizada polo Concello de Baiona e a asociación SportXtrem 2+1 – dá un paso mais en canto o organizativo ao dedicar dous días á competición. As probas serán o sábado pola tarde e o domingo tamén pola tarde, mentres que no resto das xornadas haberá exhibicións de Quads, de motos de trial e exposición de vehículos de competición, produtos especializados, etc.
O circuíto no que se desenvolverán as probas de BTT, Skeletor, Carrilanas, Long Board e Drift Trike, será a mesma que o pasado ano: a estrada da Virxe da Roca ata a rotonda de Palos de la Frontera, onde os competidores realizarán os seus saltos e destrezas aos mandos de bicicletas e carrilanas. Esta estrada ofrece un excelente trazado e permite a correcta e segura localización do público asistente.
Haberá ademais actividades náuticas coa vela adaptada da man da Escola do MRCY e diversos entretementos para os máis pequenos e unha exposición de motos Vespas a cargo do Club “Vespamiñor”.
A primeira edición do URBAN BAI que se celebrou o pasado 7 de setembro reuniu miles de visitantes en Baiona polo que os organizadores cren que nesta segunda edición as expectativas de público veranse amplamente desbordadas.
Na presentación do evento deportivo realizado no Skate park de Baiona, estiveron presentes os concelleiros de Deportes da vila, Ángel Rodal, de Actividades Marítimas, Raúl Costas, de Vías e Obras José Angel Bahamonde e de Accesibilidade, Policarpo Vilar xunto a membros da asociación “SportXtrem 2+1”.



