Hoxe xoves finalizaron as tarefas de recuperación dunar na praia Ladeira moi próxima ao cámping.
Esta actuación é a primeira recuperación dunar a gran escala que se realiza nesta praia, pois até agora os traballos que se realizaron sempre eran de eliminación de especies vexetais invasoras, nesta ocasión recuperaranse uns 600 m2 de espazo dunar onde os primeiros resultados veranse en 6 meses e estímase que a recuperación dunar total desta área será entre o segundo e terceiro ano da actuación.
Para poder recuperar todo este espazo desprazouse a zona de aparcadoiro de vehículos aí existente, creando unha nova de maior capacidade a escasos 50 metros.
A zona foi totalmente acoutada con postes de madeira e valos para unha perfecta recuperación, ademais colocáronse catro paneis indicativos informando os beneficios naturais que leva esta recuperación na praia, tamén se incluíu unha rampla de accesibilidade duns 20 metros para acceder ao areal, así como á observación desta recuperación dunar.
Desde a Concellaría de Medio Ambiente, o seu concelleiro Anxo Rodal sinala ” creimos oportuno asistir á Xornada técnica que se celebrou o pasado martes 21 de outubro no Centro de interpretación parque natural de Corrubedo, Ribeira para aprender a traballar coa nova guía de boas prácticas para seguir creando recuperacións dunares como esta de a Ladeira e mellorar aínda máis na prevención da deterioración das mesmas”.
Todo este proxecto desenvolveuse con fondos europeos da Conselleria de Medio Rural e do mar xestionados polo Grupo de Acción Costeira (GAC) e unha achega do Concello de Baiona do 30% , ou o que é o mesmo 2000 euros.



