Esta mañá o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a Concelleira de Educación, Beatriz González Pérez, recibiron no Concello a un grupo de estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo.
O Alcalde e a Concelleira deron a benvida aos mozos resaltando a importancia destes proxectos internacionais, xa que á parte de servir para que se coñeza Baiona no exterior, neste caso en Arxentina, serven para afianzar os lazos entre ambos os lugares, moi unidos debido á gran cantidade de galegos, entre eles moitos baioneses, que emigraron a este país.
O rexedor baionés e a concelleira guiaron aos mozos polas instalacións da Casa Consistorial explicándolles o funcionamento do edificio, así como a súa historia.
Durante o acto de recepción os mozos arxentinos e o alcalde intercambiáronse agasallos institucionais.
O Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo situado en Buenos Aires, o único centro que está financiado pola Xunta de Galicia fóra das fronteiras da nosa comunidade
Os estudantes recibidos no consistorio son alumnos do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo situado en Buenos Aires, o único centro que está financiado pola Xunta de Galicia fóra das fronteiras da nosa comunidade. Os alumnos, na súa gran maioría descendentes de galegos, imparten clases de lingua galega así como tamén materias de cultura galega, historia de Galicia, xeografía…
Os mozos que se atopan no seu último curso de estudos antes de iniciar a universidade realizan a viaxe a Galicia como excursión de fin de curso.
Chegaron á nosa comunidade o pasado día 16 de setembro e durante 15 días percorrerán diferentes zonas de Galicia, xa estiveron en Santiago de Compostela e na Coruña, e prevén percorrer o catro provincias.
Tras a visita ao consistorio baionés os mozos fixeron un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da Real Vila entre os que se atopan o monumento “Encuentro Entre Dos Mundos, o Parador, o Paseo Ribeira e o Centro histórico, para terminar, como broche final da visita, cun percorrido pola Casa da Navegación de Baiona.



