Inicio Galicia Autoridades locais de Galicia e África únense contra o coroavirus e a...

Autoridades locais de Galicia e África únense contra o coroavirus e a prol da solidariedade internacional

Autoridades locais de Galicia e África únense contra o coroavirus e a prol da solidariedade internacionalO Fondo Galego de Cooperación, presidido polo alcalde de Nigrán, lanza a campaña #OsMunicipiosCooperan, á que calquera persoa ou entidade pode sumarse nas redes sociais

Representantes das administracións locais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e de países lusófonos como Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe únense na campaña #OsMunicipiosCooperan, que busca reforzar a solidariedade internacional no contexto da crise xerada polo Covid-19. Alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, deputadas e deputados provinciais, persoal técnico municipal e dirixentes de asociacións de concellos protagonizan o vídeo de lanzamento, que abre o alcalde de Nigrán, Juan González, como presidente do Fongo Galego e que poderá compartirse desde os perfís do Fondo Galego en Facebook e Twitter a partir de hoxe e ata o 25 de maio, Día de África.

Autoridades locais de Galicia e África únense contra o coroavirus e a prol da solidariedade internacional

Nas súas mensaxes, as e os gobernantes locais poñen en valor a cooperación para o desenvolvemento impulsada polos concellos e deputacións, que terán un papel chave na superación desta grave crise. “O mundo está fortemente interconectado”, “non podemos virar as costas ao que acontece no outro extremo do planeta”, “só unha resposta global pode vencer o coroavirus, que non entende de fronteiras” ou “a cooperación internacional é agora máis necesaria ca nunca” son algunhas das frases que nos deixan.

Cómpre ter en conta que en moitos países da África lusófona, onde o Fondo Galego concentra os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento, a pandemia actual engádese a epidemias anteriores e a unha situación de crise permanente, que os febles sistemas públicos de saúde e protección social non conseguen frear. En moitos lugares, o confinamento non é viable ou ben pon en risco a seguridade alimentaria de millóns de persoas que viven ao día. Ademais, tanto nos países empobrecidos ou en guerra como nos campos de refuxiados, faise complicado extremar as medidas de hixiene e autoprotección.

Calquera persoa ou entidade pode sumarse á campaña #OsMunicipiosCooperan empregando este hashtag ao publicar as súas mensaxes de apoio nas redes sociais. Alén dos vídeos curtos que se irán lanzando nos próximos días, a iniciativa incorpora outras accións como a recollida de adhesións ao manifesto “Cooperación contra o coroavirus” promovido pola Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, organización formada por nove fondos do Estado que representan a máis de 1.300 municipios.

Listamos a seguir a relación de autoridades locais participantes nos vídeos da campaña #OsMunicipiosCooperan e a data de publicación prevista:

VÍDEO 1   (12/05)
Juan González, presidente do Fondo Galego
Mariana Cupane, alcaldesa de Boane (Mozambique)
David Soares, concelleiro de Tarrafal (Cabo Verde)
Ana Moreiras, concelleira de San Cibrao das Viñas
Calisto Cossa, presidente da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos
Manuel Fuentes, voluntario das Vacacións con Traballo
Ana B. Gundín, concelleira de San Sadurniño

VÍDEO 2   (14/05)
Lídia Nicuadala, alcaldesa de Sussundenga (Mozambique)
Paula González, concelleira de Cabanas
Maika Sieiro, traballadora social de Monfero
Carlos Silva, alcalde de Santa Cruz (Cabo Verde)
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Manuel Cedeira, alcalde do Irixo

VÍDEO 3   (18/05)
Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña
Leticia Naya, concelleira de Malpica de Bergantiños
Alberto Amade, alcalde de Nhamayabue (Mozambique)
Ana Alice Prazeres, secretaria rexional do Príncipe
Daniel Fernández, concelleiro de Cartelle
Conchi Pernas, técnica de integración de Burela
Sindo Guinarte, concelleiro de Santiago de Compostela

VÍDEO PREGUNTAS   (20/05)
Marga Figueroa, concelleira de Oleiros
Luísa Feijoo, concelleira de Ames
Antonio Lomba, alcalde da Guarda
Manuel de Pina, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos
Ana Paula Sanches, gobernadora da Rexión de Cacheu (Guinea-Bissau)
Emídio Benjamim Xavier, alcalde de Xa-Xai (Mozambique)

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies