spot_img
InicioPontevedra e ÁreaAs Rías Baixas rexistran unha ocupación hotelera do 63% en outubro

As Rías Baixas rexistran unha ocupación hotelera do 63% en outubro

preto-11-500-persoas-pasaron-pola-oficina-municipal-de-turismo-de-tui-en-xullo

Os datos do pasado outubro son preto de 20 puntos superiores que o mesmo mes de 2015

Os datos de ocupación hoteleira recollidos polo servizo de turismo da Deputación de Pontevedra volven a arroxar datos positivos para o sector nas Rías Baixas.  A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, manifestou que “se ó remate da temporada estival facíamos balance do mellor verán turístico das Rías Baixas, con datos de ocupación próximos ó 80% – os mellores desde que hai rexistros- hoxe teño que dicir que os datos de outubro seguen a ser insuperables”. En concreto, Silva referiuse a que o pasado mes mantivo unha ocupación hoteleira do 63%, case 20 puntos por riba que outubro de 2015, superando o 73% en concellos como Sanxenxo e o 72% nos establecementos especializados en turismo termal, saúde ou benestar.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra indicou que comarcas como O Condado ou A Paradanta rexistraron unha ocupación do 80%, unha cifra á que se achegou Caldas co 79%. As comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes acadaron o 69% e Vigo o 67%. Pola súa banda Pontevedra chegou ó 66% e O Salnés ó 59% sendo o concello de Sanxenxo, co 73% de ocupación, o que acadou a porcentaxe máis elevada en outubro.  A comarca do Morrazo superou o 43% e O Baixo Miño o 36% de ocupación hoteleira.

En canto ó turismo rural, Carmela Silva manifestou que se acadaron cotas superiores ó 30% en comarcas como Caldas e Pontevedra, cunha media provincial que superou o 20%.

En canto ó perfil do turista que visitou as Rías Baixas durante o pasado mes de outubro, Carmela Silva indicou que procedían do noso país (82,13%), que se aloxaron en hoteis (45%) e principalmente en Sanxenxo, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, durante 4-6 días. Chegaron ata a provincia de Pontevedra empregando as estradas e o avión e o principal motivo polo que nos visitaron é o ocio en xeral (50%) seguido de aspectos culturais (22%). Ó respecto, Carmela Silva asegurou que “estas porcentaxes veñen a poñer de manifesto que o turismo nas Rías Baixas non está xa ligado ó sol e á praia, senón a aspectos máis relacionados coa cultura e ocio, o que amosa un cambio nos hábitos das persoas que nos visitan”.

A Presidenta da Deputación asegurou que “estes bos resultados turísticos teñen moito que ver coa climatoloxía pero tamén coa política comunicativa que se desenvolveu tanto dende o propio sector turístico como dende a institución provincial, difundindo unha imaxe moderna, vangardista e innovadora do destino Rías Baixas”.

 

- Publicidade -spot_img