·Publicidade ·spot_img
InicioPontevedra e áreaO SalnésAs prospeccións arqueolóxicas na Lanzada revelan que o xacemento ocupa case 10...

As prospeccións arqueolóxicas na Lanzada revelan que o xacemento ocupa case 10 veces máis que a área escavada

Foto de arquivo

A prospección arqueolóxica realizada no xacemento de A Lanzada o pasado mes de abril pola Deputación de Pontevedra achegou resultados que, en palabras da presidenta, Carmela Silva, hai que cualificar como “espectaculares”.

Os datos revelan que o asentamento existente baixo terra ocupa máis de 20.000 metros cadrados, o que supón case 10 veces máis que os apenas 2.500 metros cadrados escavados durante as campañas realizadas nos anos 2010 e 2016-2017.

Carmela Silva: “Somos unha provincia que aposta por referenciar e coidar o seu patrimonio; é intolerable o que se fixo no pasado, construíndo viais e residencias enriba de espazos tan impresionantes como A Lanzada”

A presidenta, despois de coñecer o informe técnico que sinala que o xacemento prolóngase entre a punta da Lanzada (dende a capela) ata a urbanización próxima, pasando mesmo por debaixo da estrada autonómica PO-308, congratulouse polos cambios sociolóxicos producidos nas últimas décadas e a maior sensibilidade patrimonial. “Menos mal  que a sensatez e a cordura chegaron neste século XXI e xa non construímos viais e residencias enriba de espazos tan impresionantes como o xacemento da Lanzada”. “Somos unha provincia”, engadiu, “que aposta por referenciar e coidar o seu patrimonio porque é intolerable o que se fixo no pasado e porque temos moito que amosar”.

Á luz destes descubrimentos, Carmela Silva, tamén destacou o utilidade de novas tecnoloxías como os dous tipos de radares utilizados para perimetrar e observar o asentamento. Rafael Rodríguez, arqueólogo provincial, explicou que é tal o volume de datos achegados polos equipos de xeorradar e radar magnético que foron precisos tres meses de traballo no laboratorio para ordenalos e interpretalos. Explicou que ao estar nun terreo areoso, o xeorradar achega boa información, pero ao telo complementado coas achegas do gradiómetro (radar de tecnoloxía magnética) alcánzase un nivel de interpretación máis fino, determinando entre outras cousas as estruturas nas que se utilizaba lume.

O arqueólogo provincial, Rafael Rodríguez, explica que os radares detectaron tal volume de datos que foron necesarios tres meses de traballo de laboratorio para ordenalos

Gracias a esta nova campaña de prospeccións impulsada pola Deputación, sábese que o xacemento ten unha superficie equivalente á praia de Silgar, maior do que se pensaba, pero, con todo, as súas características máis singulares son a súa densidade de ocupación e a súa complexidade. Rafael Rodríguez explicou que detectáronse un total de 107 “anomalías”, é dicir, evidencias de construcións pétreas circulares, rectangulares ou lineais, que testemuñan a existencia de vivendas (en torno a un 80%) ou instalacións produtivas como unha salga, da que xa se sabía, pero tamén dunha salina moito maior do que se pensaba. Tamén hai posibles datos sobre fornos e ata dun posible crematorio.

O informe técnico apunta, ademais, á existencia dunha estrutura que podería corresponderse cun foxo defensivo, superado polo crecemento do asentamento, dato que tamén obrigaría a revisar as crenzas sobre o xacemento da Lanzada. Finalmente, destacou o arqueólogo, vense confirmar complexidade deste lugar. Os distintos niveis aos que se sitúan as construcións, moitas delas superpostas, dende case a superficie ata os 2,2 metros, dan novas e valiosas pistas  sobre a evolución histórica.

A presidenta Silva lembrou que o arqueólogo provincial sempre se refire á Lanzada como un libro de historia, pois este lugar estivo habitado dende o século VIII antes de Cristo (antes do período castrexo) ata a Idade Media. Rafael Rodríguez indicou que estes novos datos achegados polo xeorradar e o radar magnético non fan máis que confirmalo. “É un xacemento brutal, impresionante pola súa arqueoloxía”, destacou.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies