spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraAs pinturas de Antonio Palacios conservadas no Museo de Pontevedra exporanse coincidindo...

As pinturas de Antonio Palacios conservadas no Museo de Pontevedra exporanse coincidindo co simposio sobre a obra o legado do arquitecto porriñés

as-pinturas-de-antonio-palacios-conservadas-no-museo-de-pontevedra-exporanse-coincidindo-co-simposio-sobre-a-obra-o-legado-do-arquitecto-porrines
Calle de Alcalá de Madrid, atribuído a Antonio Palacios, no Museo de Pontevedra

 

 

O simposio celebrarase do 4 ao 6 de abril no Museo de Pontevedra, e incluirá a visita ás súas obras máis emblemáticas en Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balneario

Revista Cousas De Nº20

O Museo de Pontevedra organiza esta semana o simposio ‘Antonio Palacios. Do 4 ao 6 de abril, máis de 20 arquitectos, investigadores e especialistas na figura de Palacios procedentes de universidades, museos e outras entidades de toda España, achegarán diferentes perspectivas sobre a modernidade da obra do arquitecto porriñés e o seu impacto no patrimonio. En paralelo, o Museo disporá un espazo nas salas da súa exposición permanente para mostrar pinturas e debuxos de Palacios que forman parte da súa colección.

Antonio Palacios estivo vencellado ao Museo desde a súa orixe, razón pola que se conservan na institucion pontevedresa algún dos seus planos e significativos exemplos da súa produción como pintor. Son dous pequenos retratos femininos, obras de xuventude que pertenceron ao seu gran amigo o caricaturista Sileno, e a primeira imaxe gráfica dunha das salas do Museo de Pontevedra no edificio Castro Monteagudo, un óleo que Antonio Palacios pintou do natural o 28 de agosto de 1929, poucos días despois da súa inauguración.

Xunto a eles atópase tamén un lenzo que se lle atribúe con reservas. Trátase dunha vista da rúa de Alcalá, na que destaca o Círculo de Belas Artes (1921-1926) unha das súas máis emblemáticas edificacións en Madrid. A mostra complétase con cinco postais de Antonio Palacios dirixidas ao seu amigo Sileno. Este conxunto permanecerá exposto desde a semana vindeira ata final de ano, para conmemorar así ao longo de todo o 2024 a celebración do 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés.

Tres días de simposio

Esta primeira semana de abril celebrarase tamén o simposio sobra a obra e legado de Antonio Palacios. Está organizado polo Museo e o grupo de investigación IDEAHS da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Diríxeo Jesús Ángel Sánchez, catedrático de Historia da Arte da USC, e Álvaro Bonet, arquitecto da Universidad Politécnica de Madrid. O simposio achega diferentes visións actualizadas de expertos na obra de Antonio Palacios, incluíndo algúns dos estudosos que desde os anos oitenta do século XX veñen chamando a atención sobre a modernidade e leccións da boa arquitectura materializadas polo porriñés. A actividade está recoñecida cunha equivalencia de 1 ECTS nos estudos de grao en Historia, Historia da Arte e Xeografía e Ordenación do Territorio na USC.

O xoves 4 e o venres 5 de abril terán lugar conferencias e mesas redondas terán lugar no Edificio Castelao, en horario de mañá e tarde, para as que aínda hai prazas dispoñibles. O sábado 6 de abril resérvase para unha saída conxunta na que se visitarán algunhas das principais obras de Palacios no sur da provincia de Pontevedra, percorrendo os municipios de Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balneario. As prazas para a saída do sábado xa están esgotadas.

No simposio participarán destacados expertos na obra do arquitecto, como Francisco Javier Pérez Rojas, catedrático de Historia da Arte da Universidad de Valencia; Luis Sazatornil, da Universidad de Cantabria; Álvaro Bonet; Alberto Tellería, de Madrid Ciudad y Patrimonio; o arquitecto Jacobo Armero; Óscar da Rocha, do Instituto de Humanidades Francesco Petrarca; Rosalina Aguado, do Taller de Cerámica Aguado; Yolanda Pérez e José Ramón Soraluce, da Universidade da Coruña;  e Alfredo Vigo e Jesús Ángel Sánchez; da USC, abordarán diferentes aspectos da obra do arquitecto porriñés.

Tamén integran o programa do simposio as colaboracións de especialistas no contexto arquitectónico internacional e nacional, nas artes que completaron a calidade estética dos seus edificios, desde a escultura ata a cerámica, ou nas conexións vitais e profesionais que foi tecendo con diferentes lugares da súa andaina vital. Neste espectro moveranse as intervencións de Luis Sazatornil, da Universidad de Cantabria; o arquitecto Juan Manuel Arévalo; Antonio Perla, da UNED; e Cristina Gómez, do Museo Zuloaga.

As mesas redondas que pecharán cada xornada abrirán ademais a posibilidade de achegar outras miradas máis plurais á obra de Antonio Palacios a cargo de arquitectos, historiadores, responsables de museos e comisarios de exposicións. Desde o papel pioneiro que tivo na aplicación do granito das canteiras do Porriño ata o interese pola conservación do patrimonio histórico, pasando pola integración da arquitectura nas paisaxes urbanas e rurais, estas outras valoracións da súa obra serán obxecto de diálogo entre os convidados.

Na primeira mesa redonda participarán os arquitectos María Alba Rodríguez Álvarez e César Portela; María Morente, do Museo de Bellas Artes de Málaga; e Isabel Ordieles, de Hispania Nostra. A segunda mesa redonda reunirá arredor do legado de Palacios en Galicia á comisaria de exposicións Pilar Corredoira; Felipe-Senén López, da Real Academia Galega de Belas Artes; Santiago Rodríguez, da USC; e Ruth Varela, do COAG.

- Publicidade -spot_img