spot_img
InicioBaixo MiñoAs mulleres serán as protagonistas das actividades programadas para marzo polo Concello...

As mulleres serán as protagonistas das actividades programadas para marzo polo Concello de Tomiño 

dibuxantes-de-reconecido-prestixio-participan-na-exposicion-cartas-de-amor-do-rosalO Concello deseñou unha programación transversal con protagonismo feminino que arrancou con actividades organizadas pola Oficina de Igualdade para os centros escolares, como a mostra ‘Cartas de Amor’ no IES Antón Alonso Ríos

O Concello de Tomiño dedicará o mes de marzo ás mulleres e o fará a través dunha programación transversal na que as actividades culturais, deportivas ou artísticas terán unha clara clave feminina e a visibilización do labor diario das mulleres e da loita pola igualdade como fío condutor.

A programación arrancou traballando co futuro da sociedade, os nenos e nenas e a mocidade. Así, o IES Antón Alonso Ríos énchese ata o 13 de marzo de ‘Cartas de Amor’ para fomentar a reflexión entre os mozos e mozas sobre o mito do amor romántico e os estereotipos de xénero, a desigualdade nas relacións de parella e a crueldade que moitas veces vai asociada a ela, ao tempo que se promove o respecto e a educación en igualdade e se traballa na prevención da violencia de xénero.

Trátase dunha exposición de pinturas realizadas por coñecidos artistas do cómic galegos, como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircale ou Javier Olivares coa se buscar fomentar entre a poboación máis nova modelos de convivencia igualitarios. A exposición complétase cunha unidade didáctica para que o alumnado do instituto tomiñés traballe sobre estes aspectos e cun obradoiro participativo.

Esta mostra forma parte dunha serie de actividades organizadas pola Oficina de Igualdade de Tomiño con centros educativos da localidade para rachar cos estereotipos de xénero e afondar en aspectos como a igualdade laboral e social ou a corresponsabilidade. Pola súa banda o alumnado de infantil e 1º, 2º e 3º de primaria participaron no contacontos ‘Contos vellos, novos finais’ e os de 4º, 5º e 6º están a preparar novas actividades para este mes, sen prexuízo das que se poidan seguir organizando ao longo do ano.

Teatro, deporte e arte

Xunto con todas estas actividades para traballar a igualdade coa infancia e a mocidade, poranse en marcha exposicións, cursos, actividades deportivas e de lecer cunha clara clave feminina. Ademais do curso de pilates para avoas, nais e fillas posto xa en marcha, tamén está aberta a inscrición para participar no obradoiro ‘Mulleres artistas por descubrir’, que dará a coñecer a grandes mulleres artistas que permanecen no anonimato. Ademais, a artista Gemma Marqués está a cear no campo de fútbol de Goián o mural feminista ‘Anónimas’, que pretende poñer en valor o labor e esforzo diario familiar, laboral… das mulleres.

Nome de muller tamén para encher de arte o Mercado de Tomiño. Este venres 9 de marzo, Liliya Pobornikova trasladará ata alí a súa exposición ‘Lugares inesperados’, unha mostra de cerámica que explora as formas que xorden da imprevisibilidade orgánica.

Tamén ao abeiro da Mes da Muller, marzo acollerá catro obras de teatro cun claro tinte feminino e nas que as mulleres son as claras protagonistas. Para público infantil ‘Rosa Caramelo e outras historias’ (18 marzo), de Talía Teatro, e ‘A maleta da avoa’, de Raquel Queizás (25 marzo), mentres que para público adulto chegará ‘Té con Kant’ (10 marzo), de Teatro Inversa, e ‘Matrioskas’ (24 marzo), de Charlatana.

- Publicidade -spot_img