·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoAs mulleres redeiras protagonistas na Sede da Deputación en Vigo coa exposición...

As mulleres redeiras protagonistas na Sede da Deputación en Vigo coa exposición de Darío Basso

As mulleres redeiras protagonistas na Sede da Deputación en Vigo coa exposición de Darío BassoA presidenta provincial e o alcalde de Vigo acompañaron ao artista na inauguración virtual da mostra, na que se poden ver materiais e bosquexos que Basso foi pintando ata dar vida ao grande mural que viste a fachada provincial

Se a principios do século XX a viguesa rúa Eduardo Chao foi o escenario urbano onde as mulleres do mar estendían as redes para poder proceder ao seu remendo e a súa seca, desde hoxe a sede da Deputación, que ocupa o mesmo viario, toma o relevo  para volver a dar todo o protagonismo ás redeiras galegas. Así debe entenderse a exposición de Darío Basso, na que se pode ver o percorrido pictórico que fixo o artista ata chegar a dar vida ao grande mural que viste a fachada da sede provincial.

A música, as pandeiretas e as voces de Tanxugueiras foron a banda sonora da inauguración, un acto virtual pechado ao público debido ás restricións da pandemia, no que Darío Basso estivo acompañado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e por Pilar Nogueira, “Pili”, redeira de Cangas, que falou en nome de tantas compañeiras que aínda practican esta arte en tantos outros peiraos da costa atlántica. Un traballo imprescindible para a pesca, tantas veces invisibilizado e que hai que por en valor. Pili mostrou a súa emoción “por darnos visiblidade e recoñecemento a este oficio”. E o seu orgullo. “Son bisneta e neta de redeiras, crecín entre redes, fíos e salitre, e grazas a todas as mulleres que nos precederon agora temos soldos e condicións de traballo dignas. Polas que foron, polas que están e polas que teñen que vir, grazas”.

As mulleres redeiras protagonistas na Sede da Deputación en Vigo coa exposición de Darío Basso

Na exposición, Basso expón unha parte dos materiais que utilizou para pintar o mural, e dos bosquexos que foi creando ata chegar a súa obra final na parede exterior da sede viguesa, unha mostra que o propio artista definiu como “unha homenaxe ás mulleres do mar, para recordar o seu traballo silenciado e a relación desta cidade co mar”. Recordou o traballo de investigación antropolóxico que fixo sobre o oficio das redeiras, ”mulleres indispensables no sistema alimentario e económico pero invisibilizado”. O artista tamén relatou como “despois de tantos anos emigrado, para maior aprendizaxe da miña pintura, emocionábame cando saía a correr con cada esquina, con cada movemento da ría, con cada cor da cidade que me mirou crecer e á que volvía. Todo iso, dixo, quería devolver con este mural e esta exposición”

A presidenta provincial, Carmela Silva, enxalzou o poderío e a calidade de Tanxugueiras. “Mulleres poderosas que trouxeron as cantareiras ao século XXI e reconverteron os cantares das nosas avoas e nais”. E puxo en valor ás redeiras como Pili, “unha forza da natureza que representa as mulleres que tiveron un enorme peso na actividade económica, aínda que silenciadas, pero cun papel fundamental. Sen redes non había pesca”, recordou. A presidenta da Deputación cualificou a Darío Basso como “o artista total”, “máis que un enorme pintor, comprometido co seu tempo e co espazo que lle tocou vivir”. Carmela Silva lembrou o traballo antropolóxico que fixo o artista que desembocou “nun mural marabilloso que enche de arte de cor esta rúa e que manda unha clara mensaxe: cultura sempre pero en pandemia aínda máis, e detrás dela a gran rede das nosas mulleres, mulleres empoderadas para cambiar o mundo”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que cualificou a Basso como o “grande mestre que fixo unha obra espectacular”, homenaxeou ás redeiras. “figuras clave dunha cultura excepcional que é a cultura do mar, facendo industria desde o respecto ao mar e á pesca e cun traballo que é prodixio e maxia”. O alcalde tivo un aplauso especial para Tanxgueiras das que se declarou “o fan número 1”, e agradeceu á Deputación “a súa enorme mobilidade cultural que encheu de arte e cultura este lugar”.

Na mostra, que poderase ver ata o 8 de xaneiro, figuran os bosquexos que Basso creou a partir da imaxe e plástica das redes da pesca, 27 acuarelas e un espectacular políptico “Patente”, con 15 fragmentos de teas que foron colocadas no exterior da sede, sobre o chan para protexelo da pintura durante a execución do mural. Amais, tamén se amosan os materiais que empregou para pintar, concretamente dous coxíns de sofás e unha manta que serviron para o arrastre da pintura sobre a fachada. O proceso do artista para elaborar “Redeiras”, no que contou coa colaboración  de Paula Lago, alumna súa, tamén se ofrece a través de dúas pantallas nas que se proxectan imaxes e fotografías de libros nos que o artista se inspirou para realizar a peza, e un time-lapse que amosa o avance na execución do mural, e como este foi collendo forma ata converterse nun dos grandes lenzos urbanos da cidade de Vigo, enchendo de cor o Casco Vello.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies