Xunta e deputacións danse un mes de prazo para analizar a viabilidade dun cambio de sistema dos consorcios de bombeiros
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo onte un encontro cos presidentes das catro Deputacións Provinciais – Carmela Silva de Pontevedra, Valentín González da Coruña, Darío Campos de Lugo, José Manuel Baltar de Ourense -, na que abordaron a situación dos consorcios provinciais de bombeiros e estableceron un prazo dun mes para analizar a viabilidade dun cambio de sistema na prestación do servizo.
Na súa comparecencia antes os medios, o tamén conselleiro de Presidencia destacou que a Xunta está disposta a estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros e recordou que esta cuestión xa se tiña plantexado noutras ocasións con anterioridade, concluíndose entón que non era unha opción viable e que o sistema actual era o máis acaído.
En todo caso, Rueda amosou a súa disposición a explorar esta posibilidade e avanzou que Xunta e Deputacións se dan un mes de prazo para analizar a súa viabilidade. En concreto, o vicepresidente quixo facer fincapé en que o fundamental para o Goberno galego é que este cambio de xestión sexa viable xuridicamente, que non supoña un maior custe ás arcas públicas e que non represente prexuízos para os traballadores.
“Non é unha cuestión de ideoloxías”, enfatizou Rueda, que salientou que o sistema actual é un exemplo de coordinación entre Administracións e que por elas teñen pasado nestes anos responsables de distintas formacións -tanto nas distintas Deputacións como a nivel autonómico- e o modelo se mantivo invariable.
Salvagarda dos traballadores
Nesa liña, o vicepresidente amosouse moi satisfeito co labor que levan a cabo os bombeiros comarcais galegos e coa súa profesionalidade e incidiu na necesidade de que se salvagarde o seu emprego, xa que o paso dun sistema de xestión indirecta a un sistema directo conlevaría previsiblemente a apertura dun proceso de seleccion no que pode non estar garantida a permanencia nos seus postos da totalidade do persoal que actualmente presta os seus servizos.
Precisamente, neste mes de prazo unha das labores que se levará a cabo dende Xunta e Deputacións é recabar informes para coñecer en que situación quedarían os bombeiros no caso de que o servizo pase a xestionarse directamente polas administracións.
Avances no modelo
Tanto Xunta como Deputacións coincidiron en que o o actual servizo de extinción de incendios e salvamento funcionou ben e foi moi positivo, aínda que tamén consideraron que aínda se pode seguir avanzando. Así, unha vez se decida se se mantén o actual sistema ou se cambia, Xunta e Deputacións abordarán novos avances no modelo para completar o mapa de emerxencias e dotar de recursos que permitan completar de xeito satisfactorio o servizo na totalidade da nosa Comunidade.
Actualmente, hai en Galicia 24 parques comarcais de bombeiros -aos que se sumará este ano un máis en Carballiño-, espallados por toda Galicia e organizados en torno a consorcios provinciais, nos que participan a Xunta e as distintas Deputacións. No eido das emerxencias, Administración autonómica, entes provincias e tamén os concellos colaboran así mesmo no mantemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que recentemente veñen de ser renovados por outros tres anos.
Silva, Campos e González acordaron con Rueda elaborar desde as administracións informes sobre os custos e a situación do persoal para avaliar, con datos obxectivos, a posibilidade de cambiar o modelo de xestión
Os presidentes das deputacións luguesa e coruñesa e a presidenta da institución pontevedresa defenderon a necesidade de elaborar informes técnicos e xurídicos sobre os custos e a situación do persoal dos parques para, en base a estes estudos, avaliar con datos obxectivos a posibilidade de cambiar o modelo de xestión actual dos parques dos consorcios provinciais. “Como socialistas é a nosa responsabilidade estudar, tanto dende o punto de vista xurídico coma económico, se é viable recuperar o modelo de xestión pública das instalacións contra incendios”, destacou González Formoso.
Como voceira dos tres titulares provinciais Carmela Silva explicou que “os tres presidentes socialistas expuxémoslle ao vicepresidente da Xunta a necesidade de que se analice, con seriedade e en profundidade, a xestión directa dos parques dos consorcios provinciais, xestionados por deputacións e Xunta, pois nós defendemos os servizos públicos”.
“Consideramos que todo o que ten que ver co Consorcio de Incendios e de Salvamento é unha cuestión de interese xeral, así como un servizo público básico. Así mesmo, defendemos que a xestión directa é a máis axeitada. É certo que nos atopamos nunha situación na que se está prestando ese servizo a través da xestión indirecta e, aínda que todos valoramos que é positivo, tamén cremos que é mellorable. O propio vicepresidente asumiu que o funcionamento podería ser mellor”, salientou Silva.
Neste sentido González e Campos salientaron que “os socialistas defendemos que a xestión directa é a máis axeitada para os servizos públicos desta entidade. O vicepresidente da Xunta expuxo que non se nega á posibilidade da xestión directa, que é o que nós lle propuxemos, sempre que o seu custo non sexa superior ao da xestión indirecta. Por iso, trasladámoslle a necesidade de que todas as administracións fagamos uns estudos detallados, non só sobre o prezo, senón sobre o que isto significaría para o persoal que traballa nos parques”.
Estudos xurídicos e económicos
Deste xeito, tal e como propuxeron os presidentes e a presidenta, as administracións implicadas (as catro Deputacións e a Xunta de Galicia) acordaron a realización de informes xurídicos e económicos para avaliar, “con seriedade e rigor, pois é fundamental á hora de tomar unha decisión final, a nosa proposta de cambio de modelo na xestión dos parques de bombeiros na defensa do público”, remarcaron. No prazo aproximado dun mes terá lugar unha nova reunión para poñer en común os primeiros estudos.
Ampliación do mapa de emerxencias
Silva, González e Campos tamén lle expuxeron a Rueda a necesidade de que se peche o mapa de emerxencias de Galicia, xa que, sobre todo nalgunhas zonas rurais e de montaña e en pequenos concellos, aínda non está pechado; hai reclamacións para sumarse e zonas sen cobertura. Precisamente, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo referencia ás reclamacións de concellos da provincia coma o do Grove, que non forma parte do convenio do GES e quere pasar a ser un membro activo e non ter un convenio individual. Así mesmo, citou o caso de Ponteareas, que actualmente conta cun servizo de incendios propio e quere formar parte do consorcio. Outro caso é o de Redondela, que solicita que se estude a posibilidade de crear un novo servizo, xa que dispón de instalacións e material e que, só desprazando persoal de Vigo, podería atender os concellos de Pazos de Borbén, Soutomaior e Fornelos de Montes, ademais do de Redondela. Carmela Silva tamén expuxo a petición dunha base de emerxencias para Terra de Montes que, dependendo do parque de Silleda en materia de medios e persoal, podería dar servizo a zonas escuras de Cotobade, Cerdedo, A Lama e Campo Lameiro.



