A adega Quinta das Eiras é de novo a encargada de realizar a colleita na finca, onde se prevén extraer 15.000 quilos de uva
Esta fin de semana arrancou a vendima nas catro hectáreas de viñedo do Castelo de Soutomaior, de novo coa adega Quinta das Eiras como encargada de realizar a colleita, na que este ano se prevé recoller en torno aos 15.000 quilos de uva albariña e doutras variedades. Quince persoas están a participar nestes traballos, que se desenvolverán seguindo o correspondente protocolo de seguridade contra a Covid-19.
A Deputación de Pontevedra adxudicou de novo este ano a colleita da uva do viñedo do Castelo polo sistema de poxa pública. A oferta presentada pola adega Quinta das Eiras foi de 1,15 euros (incluído IVE) por quilo de uva albariña e de 0,90 euros (tamén incluído IVE) para os outros tipos (godello e torrontés). Hai que lembrar que o goberno provincial instaurou este sistema de adxudicación no 2015 e, amais da colleita, a empresa adxudicataria encárgase do traslado á súa adega.
O Castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1982 e os seus viñedos, que ocupan catro das 33 hectáreas de extensión do Castelo, datan do ano 1984. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmicos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente.



