spot_img
InicioO SalnésArqueólogos da Deputación de Pontevedra achan oas restos doutros dous bebés no...

Arqueólogos da Deputación de Pontevedra achan oas restos doutros dous bebés no Campo da Lanzada

arqueologos-da-deputacion-de-pontevedra-achan-oas-restos-doutros-dous-bebes-no-campo-da-lanzada

Os esqueletos súmanse aos atopados recentemente de “Cornelia” e outros 4 menores no Campo da Lanzada, no que ademais xa se atoparon ata o momento máis de 15.000 pezas

Os traballos realizados no Campo da Lanzada polo equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra seguen a obter resultados moi interesantes. Nesta quenda, e tan so unhas semanas despois de que se achasen os esqueletos de “Cornelia” e outros catro bebés moi preto desta, o equipo da institución provincial vén de atopar os restos doutros dous nenos, menores dun ano, datados entre aproximadamente os séculos I e II.

Os esqueletos de ambos os dous bebés atopáronse bastante completos, malia que habería que sinalar que debido ao compoñente matriz da terra onde se atoparon, a arxila, os ósos sufriron un importante dano ao quedar moi esmagados. Aínda así, o equipo de arqueoloxía sinalou que, á vez, as características propias da arxila permitiron que o seu estado de conservación sexa bastante bo.

Os corpos foron atopados un enriba do outro (estando o de por embaixo en posición fetal) no medio dun vertedoiro, a diferenza de “Cornelia” e os bebés atopados con anterioridade, cuxos corpos foron soterrados. Os materiais atopados neste vertedoiro, no que o equipo da Deputación de Pontevedra leva traballando máis de dous meses, datan do século I, pero son precisamente estes materiais os que dificultan o datado dos corpos. Malia a isto, tanto o equipo de arqueoloxía como a Doutora e Antropóloga Física, Olalla López Costas, pensan que non habería moita diferenza temporal entre estes restos e os corpos atopados, polo que encadran os corpos nese mesmo século ou no século II.

O que si confirmou Olalla López Costas é que ambos os dous bebés tiñan menos dun ano no momento de falecer, aínda que nun primeiro momento se pensaba que un deles podería ser de maior idade xa que posuía un grande cranio. Unha das hipóteses que baralla o equipo encargado da escavación é que poidan ser xemelgos, mais este dato non puido ser aínda confirmado a falta de elaborar estudos. Precisamente hoxe os achados serán trasladados ás dependencias da Universidade de Santiago de Compostela, a USC, xa que o equipo teme que, por mor das chuvias programadas para o seguinte luns, a climatoloxía pode danalos.

Ademais, os traballos realizados no Campo da Lanzada ata o momento xa deixaron o achado de máis de 15.000 pezas en total. Aproximadamente 500 desas pezas son de cerámica romana de luxo, e tamén se atoparon oito moedas de bronce romano que se atopan nestes momentos en proceso de estudo e de limpeza.

Lembramos tamén que o equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra retomou as escavacións a principios deste mes para cumprir o proxecto establecido no Protocolo co Ministerio de Fomento, concretamente completando o programa no castro de Noalla, á vez que xa encargou a redacción do proxecto de consolidación definitiva que, se Fomento non asume, levará a cabo cando terminen as escavacións. A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalara en rolda de prensa ao anunciar esta decisión que “trátase dunha decisión responsable e coherente coa nosa aposta polo respecto ao patrimonio ante a desidia do Ministerio. Aínda así, espero que en Madrid reaccionen e decidan cumprir coas súas obrigas”.

 

- Publicidade -spot_img