spot_img
InicioO SalnésAprobadas as bases da segunda edición de Depo Aventura A LanzadA

Aprobadas as bases da segunda edición de Depo Aventura A LanzadA

depo-aventura-a-lanzada-escolle-a-pepa-kamucha-e-maruxa-como-as-suas-novas-mascotas-oficiais

O programa oferta este ano 2.200 prazas para menores nados entre o 2004 e o 2009, das cales 300 serán gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres as bases da segunda edición do programa Depo Aventura A Lanzada, a través das cales se ofertan 2.200 prazas, 300 delas gratuítas para menores en situación ou risco de exclusión social, para gozar de 7 días na Lanzada en réxime de pensión completa e cunha ampla programación de actividades para o tempo libre, moitas delas en inglés.

En concreto, segundo adiantou Carmela Silva, Depo Aventura A Lanzada pretende que “2.200 menores empreguen o seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, artístico, medioambiental, deportivo e formativo que contribúan ao seu enriquecemento persoal e lles faciliten coñecer outros lugares fóra da súa contorna habitual”.

O programa Depo Aventura A Lanzada está aberto a nenas e nenos nados entre 2004 e 2009 e empadroados na provincia de Pontevedra. Ao respecto a presidenta da Deputación fixo fincapé en que “poden participar nesta actividade nenas e nenos con diversidade funcional, porque queremos ofrecerlles a oportunidade de que interveñan en igualdade de condicións coas e cos demais en actividades de lecer e tempo libre”.

En total o programa oferta 2.200 prazas, das cales a Deputación de Pontevedra subvencionará, co 50 %, 1.900 prazas; as familias interesadas deberán aboar 100 € por praza, 80 € no caso das familias numerosas. As 300 prazas restantes, dirixidas a menores en situación ou risco de exclusión social, subvencionaranse ao 100 %. Neste caso concreto, 260 prazas destinaranse a nenas e nenos en situación ou risco de exclusión social dos concellos da provincia de Pontevedra, 25 a nenas e nenos do Centro Príncipe Felipe e 15 a aquelas e aqueles doutros centros da provincia que se atopen en situación de tutela ou garda administrativa.

Depo Aventura A Lanzada, ao que a institución provincial destina 240.000 €, desenvolverase, entre o 25 de xuño e o 9 de setembro, en 11 quendas, de 7 días de duración cada unha (do 25 de xuño ao 1 de xullo, do 2 ao 8 de xullo, do 9 ao 15 de xullo, do 16 ao 22 de xullo, do 23 ao 29 de xullo, do 30 de xullo ao 5 de agosto, do 6 ao 12 de agosto, do 13 ao 19 de agosto, do 20 ao 26 de agosto, do 27 de agosto ao 2 de setembro e do 3 ao 9 de setembro).

As persoas interesadas neste programa disporán de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO, para presentar a solicitude.

- Publicidade -spot_img