spot_img
InicioVigo e áreaO PorriñoÁlvaro M. Leiro e Julia de la Cal, dous cesteiros do territorio...

Álvaro M. Leiro e Julia de la Cal, dous cesteiros do territorio de Eu Rural que optan aos Premios Nacionais de Artesanía 2023

alvaro-m-leiro-e-julia-de-la-cal-dous-cesteiros-do-territorio-de-eu-rural-que-optan-aos-premios-nacionais-de-artesania-2023O artesán de Pazos de Borbén é finalista no Premio Nacional de Artesanía, mentres que a porriñesa está nomeada na categoría Emprendemento

Revista Cousas De Nº19

O territorio de Eu Rural é terra de artesáns e artesás de gran nivel e calidade. Os Premios Nacionais de Artesanía 2023, convocados  polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, contan con dúas candidaturas de profesionais que crean as súas obras e desenvolven a súa actividade nalgún dos trece concellos que aglutina o grupo de desenvolvemento rural.

O cesteiro de Pazos de Borbén Álvaro Martínez Leiro opta ao Premio Nacional de Artesanía pola súa fusión do proceso tradicional cos deseños contemporáneos. Leiro fíxose cesteiro grazas a un proxecto fotográfico: a comezos dos 2000 viaxou por Galicia retratando vellos oficios da agricultura tradicional e quedou fascinado pola cestería en espiral, unha técnica empregada dende tempos ancestrais para fabricar canastras e outros recipientes nos que transportar alimentos. Aínda que, sen dúbida, o fito que lle cambiaría a vida sería que Loewe o retara a replicar as súas cestas en coiro despois de que un observador da marca o descubrira nunha feira de artesanía en A Golada.

alvaro-m-leiro-e-julia-de-la-cal-dous-cesteiros-do-territorio-de-eu-rural-que-optan-aos-premios-nacionais-de-artesania-2023

Pola súa banda, a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica do Porriño, está nomeada na categoría de Emprendemento pola súa contribución ao mundo da arte e da artesanía, onde combina técnicas tradicionais cun enfoque contemporáneo. Con experiencia como deseñadora gráfica e ilustradora, durante os seus estudos de Deseño Industrial comeza a súa andaina no mundo da cestería e se forma en numerosos talleres de España e do norte de Europa e o seu traballo foi seleccionado para Medallas Adi Fad do Fomento das Artes e o Deseño, para o Mercat d’Idees do Barcelona Centro de Deseño ou para formar parte da exposición Síntesi de A-Fad. Agora desenvolve o seu labor na Parabólica, “un taller de deseño, artesanía e un montón de excentricidades”, como ela mesma define.

Os gañadores e gañadoras coñeceranse durante a celebración da gala de entrega dos premios o vindeiro 15 de decembro na sede do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en Madrid.

alvaro-m-leiro-e-julia-de-la-cal-dous-cesteiros-do-territorio-de-eu-rural-que-optan-aos-premios-nacionais-de-artesania-2023
Obra de Julia de la cal

E é que a participación de Álvaro M. Leiro e de Julia da Cal no é a primeira incursión de profesionais do territorio de Eu Rural nos Premios Nacionais de Artesanía, que este ano chegan á súa décimo sexta edición. Xa no ano 2019 a nigranesa Paula Ojea acadaba o Premio Produto pola súa colección Cut&Fold, unha serie que se caracteriza polas súas formas xeométricas imposibles con pezas nas que contrasta a precisión do deseño coa irregularidade do proceso artesanal.

Premio Produto tamén foi no ano 2008 para Joyas de la Raspa, unha marca de xoiería de Oia a través da que Miguel Sánchez-Cantón e Virginia R. Lorenzo realizan pezas que representan criaturas mariñas. Estes artesáns tamén foron finalistas ao Premio Produto nas edicións de 2006 e 2007.

O ano pasado, o tomiñés Aitor Martínez e o seu taller de tornaría no que crea pezas de madeira Vikensen foron finalistas no Premio Emprendemento. Ademais, no ano 2015 a empresa de artesanía nigranesa K-LO Taller de Ecodiseño rematou como finalista na categoría de Emprendemento polo seu compromiso coa innovación e o desenvolvemento dun produto fresco, lámpadas de cartón realizadas integramente con materiais eco.

A presidenta de Eu Rural, Sandra González, destaca a importancia de que cada ano artesás e artesáns dos 13 concellos formen parte das candidaturas a obter este premio nas súas diferentes categorías. “Estes recoñecementos distinguen as actrices e actores relevantes da artesanía nacional que, co seu traballo, fan do sector un motor de economía, emprego e innovación e outorgan un valor engadido ao prestixios do noso territorio”, salientou.

- Publicidade -spot_img