Afundación presentou esta mañá na Biblioteca do Teatro Afundación Vigo o catálogo Simultánea, a obra que complementa o macroproxecto expositivo homónimo, que se pode visitar, ata o 25 de xaneiro, nas sete sedes da Obra Social ABANCA en Galicia.
Consonte destacou Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, nesta presentación, trátase dun libro excepcional para poder achegarse a sete miradas diversas arredor dunha das mellores coleccións sobre arte galega contemporánea, a Colección de Arte Afundación, declarada Ben de Interese Cultural (BIC).
O presidente de Afundación, quen, no seu texto de presentación ao catálogo, acentúa o valor da arte que, «como motor estético e creador de beleza, é unha gran ferramenta de convivencia e cohesión social capaz de axudarnos a superar o illamento, a fragmentación, a fugacidade ou a incerteza dunha turbada actualidade», quixo tamén poñer en valor o libro Simultánea como o resultado dun traballo coordinado e de tempo de profesionais de Afundación que, man a man, con técnicos doutras empresas colaboradoras na publicación, traballan por responder ás esixentes demandas da sociedade galega. Este mesmo punto é tamén destacado pola coordinadora adxunta de Afundación e comisaria do proxecto, Paloma Vela Garicano, quen quixo mencionar o labor de coordinación técnica editorial de Laura Gómez Lorenzo, responsable de Publicacións da entidade.
Simultánea é unha obra en cartoné de gran formato, de 584 páxinas, con imaxes das 359 obras expostas en «Simultánea» e que conta cos textos analíticos de sete recoñecidos nomes da historia de arte que abordan, en cadanseu capítulo, as sete mostras. José Manuel García Iglesias céntrase en «Retratos»; Asunta Rodríguez estuda a «Vanitas» do obxecto contemporáneo e doméstico; Carlos L. Bernárdez describe os «Abalos e devalos. A presenza do mar na arte galega»; Federico L. Silvestre trata o «Espazo aberto e natureza»; Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista, destaca a «Abstracción. O impacto que o cambiou todo»; Mercedes Rozas aborda as «Arquitecturas vividas»; e Pilar Corredoira opta por «Voar coa imaxinación». O libro ten un prezo de 75 euros, aplicable durante o período expositivo, sendo parcialmente subvencionado por Afundación, que cumpre, tamén deste xeito, coa súa consolidada vocación de servizo público.
Para todas aquelas persoas que, previa adquisición do catálogo, queiran coñecer un avance dos seus contidos, poden consultar na páxina web dedicada a «Simultánea» un extracto no que se seleccionaron algúns fragmentos dos textos e das reproducións de obra máis representativos de cada un dos sete capítulos.
A presentación de Simultánea contou, ademais, cunha nutrida representación de figuras imprescindibles na arte galega contemporánea, de varias xeracións e tendencias creativas, cuxas obras están presentes nas sete mostras de «Simultánea» e na Colección de Arte Afundación. Entre elas encontrábanse Emilio Cendón, Héctor Francesch, Toya García Senra, Xulio Gil, Diego Giráldez, Santi Jiménez, Mónica Alonso, Acisclo Manzano, Olga Martínez, Jano Muñoz, Jorge Perianes, Lito Portela, Vicente Prego, Antón Pulido, Rafael Úbeda, Álex Vázquez, Carlos Maño, Pilar Alonso, Silverio Rivas, Ramón Trigo, Francisco Pazos ou Ramón Conde.
O macroproxecto «Simultánea»
Unha única exposición con 7 sedes nas que poderán verse arredor de 350 obras de arte realizadas nos últimos 200 anos. Cada unha das sedes, situada nunha das sete cidades de Galicia, expón unha escolma determinada de obras que foron agrupadas arredor dun eixe temático. Esa é a proposta do ambicioso proxecto expositivo «Simultánea», co que Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebra o seu décimo aniversario e que se poderá visitar ata o próximo 25 de xaneiro, ofrecendo ao público unha maneira atractiva e suxestiva de aproximarse á creación artística de Galicia desde o século XIX ata a actualidade. A sede da Coruña céntrase no tema do retrato desde a súa perspectiva máis ampla: «Modo retrato». En Ferrol, e baixo o título «O obxecto contemporáneo e doméstico», poden contemplarse obras protagonizadas por obxectos cotiáns dotados dun cariz simbólico. As «Escenas de costa e mar aberto», dedicadas á representación do mar, expóñense en Lugo. E a Sede de Afundación en Ourense, baixo o título «Espazo aberto e natureza», acolle outra interesante selección de inspiradas na contorna natural.
«Simultánea» mostra na sede da Obra Social ABANCA en Pontevedra, baixo o título «Abstraccións e mensaxes cifradas» a forza expresiva, a capacidade de comunicar e a potente personalidade da linguaxe abstracta en Galicia. Mentres tanto, o proxecto expositivo aborda en Vigo, baixo o título «Voar coa imaxinación», o mundo do onírico, a imaxinación e a fantasía como ingrediente principal da arte. Na sede de Afundación en Santiago, en «Arquitecturas narradas», poden verse obras que reflexionan sobre as relacións do urbanismo e a arte.
A solidariedade «Simultánea»
«Simultánea» é parte do programa Cultura por alimentos, que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O acceso ás mostras é libre e gratuíto, e Afundación invita o público visitante a levar produtos non perecedoiros e depositalos nos contedores habilitados para tal fin nos accesos ás exposicións.