A exposición «Vigo no tempo» poderá visitarse na Sede da Obra Social de ABANCA ata o 20 de xaneiro de 2024
O relato expositivo explora a cidade desde as súas orixes ata a actualidade cunha combinación única de obxectos de alta cultura e cotiáns, obras de arte, documentos históricos, mapas e planos, recreacións virtuais, fotografías e publicacións. Unha oportunidade de afondar no Vigo máis coñecido e de descubrir os aspectos máis descoñecidos desde moi diversas perspectivas: os fitos históricos e os mitos, o desenvolvemento urbanístico, a economía e a industria, o lecer ou a cultura.
A mostra parte dunha visión de Vigo como un lugar cunha profunda vontade de constituírse como unha gran cidade. Así, fai un percorrido pola realidade dunha urbe que medrou nun territorio xa intensamente habitado incluso antes da propia idea de cidade. O traxecto abrangue as infraestruturas máis relevantes a nivel comercial, cultural e de comunicacións, mesmo os proxectos que non saíron adiante. Un camiño que repasa, ademais, pezas arqueolóxicas de grande importancia, os documentos fundacionais, algunhas das imaxes máis antigas da cidade ou os referentes da renovación pictórica e musical.
A exposición está comisariada polo xornalista e membro do Consello da Cultura Galega Manuel Gago, que contou co apoio do que fora editor de Edicións Xerais dende 1994 a 2018, Manuel Bragado. Nela colaboran preto de 50 cedentes entre institucións de gran relevancia dentro e fóra da cidade, coleccións particulares e recoñecidas entidades empresariais. Entre outros, figuran o Arquivo Municipal de Vigo, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, o Museo Quiñones de León, o Museo Massó, o Museo do Mar de Vigo, a Biblioteca Pública Juan Compañel, a Fundación Penzol, a colección ABANCA, Stellantis Vigo, Editorial Galaxia ou Edicións Xerais.
As orixes, o urbanismo e a industria
«Vigo no tempo» coloca nun mesmo escenario desde o Vigo industrial (vinculado ao mar e e grandes empresas como Citroën) ao editorial, pasando pola influencias foráneas como a presenza do Cable Inglés nas costumes e no lecer, polo Vigo da Movida ou do Grupo Atlántica, ata o Vigo do mar e as lendas.
Atlántica: 40 anos do grupo que revolucionou o mundo da arte en Galicia
Á exposición accédese por un corredor iluminado con estelas, recreando con caixas de luz unha das mellores coleccións de plástica galaico-romana, conservada no Museo Quiñones de León e que nos transporta ao pasado romano de Vigo. Tras un repaso con ilustracións animadas pola Reconquista, a exposición lévanos ao expediente onde se recoñece o título de cidade en 1810 e a un manuscrito onde se menciona por primeira vez o topónimo de Vigo, un pleito entre veciños datado en 1907. As primeiras imaxes que mostran a evolución da urbe correspóndense cun bosquexo de 1597 que amosa o crecemento urbano e un plano que 70 anos despois nos traslada a un Vigo fortificado.
Unha das grandes curiosidades da mostra son os proxectos do que puido ser Vigo pero que non chegaron a realizarse. É o caso dun plano para construír unha base naval nas Cíes ou dun peirao que incluía unha nova poboación en 1820.
A exposición fai fincapé no xeito en que a industria modificou e guiou a organización da vida na cidade: a chegada dun xigante da automoción, os horarios laborais ou a hixiene nas fábricas. Así, exhíbese unha fotografía das primeiras producións de Citroën, un reloxo de fichar da Conserveira Albo ou un lavabo de mans da fábrica Massó. Ademais, unha máquina de coser Refrey dá conta de como os industriais vigueses relacionados co mar tamén sacaron adiante outros negocios.
A cidade que se reinventa
No tempo de lecer en Vigo ten grande protagonismo o fútbol, que chegou á cidade da man do Exiles FC creado polos colectivos ingleses. Foi o xerme dos clubs que acabaron derivando no Celta de Vigo. Na mostra exponse o Trofeo Orfos do mar de 1949, desputado entre o Celta e o Benfica.
Nos anos 80 a cidade reinvéntase e vive unha explosión creativa e musical sen precedentes en Galicia, época que ocupa un lugar destacado na exposición cunha recompilación de imaxes dos grupos da Movida dos que tamén se poderán escoitar algúns dos seus temas emblemáticos, sen esquecerse da renovación pictórica do Grupo Atlántica.
Tamén no eido da cultura, Vigo destaca por ser a capital editorial de Galicia con Compañel, Krapf, Xerais e Galaxia, das que se recollen exemplares destacados na exposición, ademais de gardar un espazo para a prolífica prensa viguesa.
«Vigo no tempo» convida, ademais, a somerxerse nas lendas relacionadas co mar: un cipo da Illa de Toralla do S.III-IV ou unha cunca das Covas do Folón (2500-2000 a.C.) adéntrannos no mundo do culto, as ofrendas e as divindades.