Á liga de Outono Gestilar J80 quedan aínda catro xornadas máis por diante os días 12 e 26 de novembro e 3 e 17 de decembro
Actuación estelar do Alboroto de Juan Carlos Ameneiro na estrea da liga de Outono Gestilar J80, que organiza o Monte Real Club de Yates na baía de Baiona.
O veleiro, actual campión de España da clase, venceu nas tres probas disputadas na primeira xornada de competición, deixando moi claros os seus obxectivos nesta liguiña outonal, que non son outros que alzarse coa vitoria final e seguir encamiñando así a preparación para o mundial de 2023.
O barco tripulado por Javier Aguado, Javier Lago e Antoni Xabier del Río, que substituíu nesta etapa inaugural ao habitual do equipo Juan Lago, completou tres regatas moi boas, acertando na táctica, asegurando os bordos, pasando o primeiro por boia con manobras limpas e ampliando distancia cos seus rivais en canto atopaba ocasión.
Non llo puxo fácil, iso si, o resto da frota que se disputa o campionato, unhas tripulacións que foron sumando calidade ao longo do ano grazas ao gran número de competicións que se celebraron en Galicia, incluído o recente Campionato de España disputado en Baiona.
Barcos como o Bica de Francisco “Chisco” Catalán, o I3D Atlántico de Guillermo Blanco, o Cansino de Fernando “Nano” Yáñez, o Solventis Ribadeo de Andrés Álvarez ou o Mondo de Bernardo Macedo, navegaron moi pegados uns aos outros en todo momento, e ensinaron uñas e dentes nas tres mangas disputadas, subindo e baixando de posicións ao máis mínimo acerto ou erro dos seus rivais. Finalmente, o Bica de Chisco Catalán, ao que acompañaban a bordo Gerardo Prego, Ramón Ojea e Álvaro García, foi o que logrou quedar coa segunda posición; deixando o terceiro posto para o coruñés I3D Atlántico de Guillermo Blanco, Agustín Rubio e Manuel Vargas.
Cansino e Solventis Ribadeo completaron o Top 5 da clasificación tras a celebración desta primeira xornada da liga de Outono Gestilar J80, na que outro dos barcos destacados foi o Waikiki, liderado por Andrés Gómez e tripulado por regatistas do Magical vigués.
Cun barco novo e sendo a primeira vez que se vían as caras cos habituais das regatas de J80 de Baiona, os de Gómez completaron tres probas moi boas e lograron situarse na sétima posición da táboa por detrás do Mondo, que quedou sexto.
O arranque do campionato outonal do Monte Real Club de Yates celebrouse con 19 dos 23 barcos rexistrados na auga, e unhas condicións que, aínda que non foron moi boas ao comezo (cun vento rolón que obrigou a suspender unha proba xa iniciada e a cambiar a localización do campo), si permitiron disputar as tres mangas previstas en programa.