spot_img
InicioGaliciaActivistas de África e Centroamérica achéganlle o mundo da cooperación ao alumnado...

Activistas de África e Centroamérica achéganlle o mundo da cooperación ao alumnado galego

O alumnado dos nove institutos galegos participantes na segunda edición de ‘O mundo que queremos’, proxecto no que colabora Agareso,  compartiu experiencias con tres persoas de República Dominicana, O Salvador e Guinea Bissau vinculadas á cooperación para o desenvolvemento. Durante dúas semanas, percorreron os centros de ensino para explicarlle ao alumnado o traballo que están a realizar nas súas organizacións e como utilizan o teatro e a radio como medio de sensibilización e denuncia nas súas comunidades.Activistas-África-Centroamérica-achéganlle-mundo-cooperación-alumnado-galego-Agaresco

  • Cristiana Francisca, de República Dominicana, é a presidenta deMudha (Movimiento de Mujeres Domínico Haitianas). Esta organización,entre outras moitas accións, utiliza o teatro de rúa como medio para denunciar as inxustizas políticas, sociais, culturais e humanas ás que se ve sometida a poboación dominicana de ascendencia haitiana.
  • Rina Abrego, do Salvador, é técnica de Aprocsal, organización que loita polos dereitos das mulleres e polo dereito humano á saúde. Dende Aprocsal tamén utilizan o teatro como medio para sensibilizar sobre xénero, saúde sexual e reprodutiva e medio ambiente.
  • Braima Sambu, de Guinea Bissau, é o responsable de proxectos de Alternag, organización que xestionou ‘Radio Catió’, unha emisora comunitaria que na actualidade é autoxestionada polo Centro Social Multifuncional Xuvenil de Tombalí en colaboración con organizacións de base. Braima encárgase de coordinar ás entidades locais que dirixen a radio.

Estas experiencias de participación cidadá e denuncia a través do teatro e a radio, así como a importancia de poder ter unha voz propia, serán a temática das charlas que impartan nos centros educativos de Boiro,Trazo,Rianxo, Alfoz Valadouro,Miño,Beade,Viana do Bolo, Castroverde e As Pontes.

Tamén se reuniron coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE para explicarlles como inflúen nas súas comunidade os proxectos de cooperación e de asistir ao encontro intercentros que tivo lugar o 17 de abril na Sala Capitol de Compostela. Este encontro foi o broche final deste proxecto, no que ademais amosaron os traballos fotográficos e radiofónicos realizados durante o mesmo e gozaron dun concerto de rap a cargo dePachamama Crew.

O proxecto

‘O mundo que queremos’ é un proxecto de educación para o desenvolvemento, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta iniciativa pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais a través da comunicación (podcast, imaxes e teatro) como medio para sensibilizar e transformar, e utilizando como fío temático os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Este proxecto está a ser executado ademais de por Agareso polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia e Mundo Cooperante, coa colaboración organizativa e formativa deEduco, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxs oprimidxs ‘100tolas’.

- Publicidade -spot_img