A Fundación Celta de Vigo continúa traballando na consolidación de estruturas de formación de novos futbolistas coa firma dun importante convenio de colaboración co Erizana CF de Baiona, un equipo que leva unha interesante traxectoria e que traballa con intensidade no fútbol de base.
Este acordo, asinado polo director da Fundación Celta, Germán Arteta, e o presidente do Erizana, Manuel Goce Ratel, reafirma o interese de ambas as institucións polo desenvolvemento e a formación dos novos futbolistas.
O Clinic terá lugar o día 21 e 22 de decembro nas instalacións municipais do campo do Aral e está destinado a nenos de 6 a 12 anos. Durante dous días, en horario 10:00h. a 14:00h, os máis pequenos poderán practicar as súas destrezas á hora de xogar ao fútbol.
Entre as numerosas actividades destacan: adestramentos técnicos, tácticos e físicos, difusión de hábitos de alimentación saudable e práctica deportiva? cuxo obxectivo é desenvolver e mellorar as capacidades específicas do fútbol (técnicas, tácticas, coordinativas…), potenciar habilidades individuais e colectivas, fomentar o traballo en equipo e o desenvolvimiento deportivo e social dos nenos e nenas.
Durante a presentación do Clinic celebrada no salón de plenos do Concello de Baiona estivo presente tamén o alcalde de Baiona, Angel Rodal Almuiña, e a concelleira de Deportes, Mª Jesús Martins Passos. O Concello cede o espazo do campo municipal do Aral para a celebración dos partidos.
Rodal agradeceu á fundación Celta a súa aposta forte polo Erizana e o deporte base baiones.
Desde o Erizana, representado polo seu presidente, Manuel Goce, e a vicepresidenta, Eva Najera, declararon que “É unha iniciativa pola que a directiva loitou para situar ao Erizana onde lle corresponde, á beira dos grandes equipos”.
Germán Arteta, Director da Fundación Celta de Vigo, expuxo o seu desexo de que este convenio sexa o inicio dunha gran alianza entre a fundación que preside e o club de Baiona e desta forma continuar con máis actividades na Vila.
Este convenio inclúe varias accións ao longo da tempada, como cursos de formación a adestradores, a posibilidade de realizar campus de verán e clinics específicos nas instalacións do club, así como unha serie de acordos sobre material deportivo e a colaboración dos técnicos da canteira celeste nas actividades formativas organizadas polo Erizana Cf.
O Real Club Celta de Vigo e a súa Fundación agradecen ao Erizana CF e ao Concello de Baiona a súa colaboración para potenciar o fútbol basee e a difusión do celtismo ao longo do territorio galego.



