
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para presentar as solicitudes de inscrición no programa Pontegal 2017.
O prazo estará aberto do 3 de xaneiro ao día 1 de febreiro. Ata esa data, os grupos e artistas poderán solicitar a súa inclusión no programa Pontegal 2017, para o cal deberán entregar o formulario de solicitude cumprimentado e achegar a documentación solicitada de acordo coas bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Pontegal é un programa a través do cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e asociacións sen ánimo de lucro da provincia na contratación de grupos, compañías e artistas inscritos no programa. No ano pasado contou con 1.346 grupos, compañías e artistas inscritos e se apoiaron 2.595 actuacións organizadas dende concellos e asociacións. Espérase que o número se incremente xa que este ano a aposta polo programa é meirande, cunha partida que ascende dos 700.000€ da edición do ano pasado aos 800.000€ cos que contará Pontegal 2017.
A principal novidade que presenta o programa este ano está na categoría de Teatro, que establece dúas categorías para compañías profesionais e unha para non profesionais. Entre as novidades destaca tamén o aumento das contías que asume a Deputación nas categorías de “audiovisuais”, “bandas de gaitas”, “grupos de folk”, “orquestras clásicas” e “pop-rock”.
Ademais, como sempre, os grupos e artistas que participen neste programa se comprometen a utilizar a lingua galega a unha linguaxe non sexistas nas súas actuacións, así como os propios concellos
Todas as asociacións que non foran incluídas na pasada edición pero queiran saber máis sobre estas axudas para contratar grupos e artistas poden tener máis información ao respecto no seguinte enlace:
ENLACE ÁS BASES DO PONTEGAL 2017
Dinamización do galego
Todos o grupos, compañías e artistas cuxas inscricións sexan aceptadas neste programa deben realizar as súas actuacións, conferencias e/ou audiovisuais obrigatoriamente en lingua galega. Esíxeselles, ademais, que presenten xunto coa documentación unha declaración asinada na que se comprometen a empregar a lingua galega e unha linguaxe non sexista no desenvolvemento das súas actuacións. Esta obriga tamén debe ser atendida polos concellos e as asociacións que soliciten as actuacións, conferencias e audiovisuais, que deben facer toda a cartelería, promoción e difusión en idioma galego.
O uso do galego é un dos criterios básicos incluídos na adxudicación das actuacións, que xa fora contemplado na pasada edición, atendendo a un dos acordos recollidos no pacto de goberno da institución provincial, que se fundamenta na promoción e defensa do uso do idioma, tanto na propia institución coma entre a cidadanía. Deste xeito, tanto artistas coma concellos e asociacións teñen a obriga de realizar a publicidade en lingua galega, empregar unha linguaxe non sexista e introducir o logo do Pontegal de xeito visible. O non cumprimento destes requisitos é motivo de exclusión das axudas deste programa.



