A carreira popular celebrará a súa cuarta edición o domingo 16 de xullo coincidindo coas vodas de prata da Feira do Viño. Un día antes disputaranse as probas infantís.
Tras o éxito cultivado en anos anteriores, a carreira 10K O Rosal celebrará a súa cuarta edición o domingo 16 de xullo. Coincidindo coa Feira do Viño da localidade, runners de toda Galicia volverán darse cita na localidade pontevedresa para completar un percorrido de 10 quilómetros que partirá da Praza do Calvario e pasará por algunhas adegas do municipio como Aldea de Abaixo, Lagar de Cervera e Quinta de Couselo.
Un día antes, o sábado 15, disputaranse as carreiras infantís para nenos e nenas de 4 a 14 anos, cuxa inscrición será gratuíta
Ademais, como cada ano, paralelamente á carreira tamén levará a cabo a andaina popular na que os participantes descubrirán os mellores recunchos do Rosal da man de Juan Ramón Martínez. O historiador e guía rosalés acompañaralles e ilustrará ao longo dun traxecto que transcorrerá por zonas como a ribeira do río Tamuxe, a área recreativa As Aceas ou os Muiños do Folón e do Picón.
As inscricións para a carreira ou a andaina pódense realizar desde hoxe ata o 12 de xullo a través da web do evento www.10korosal.com ou www.championchipnorte.com e, de forma presencial, no Ximnasio Excálibur do Rosal. Ademais, ata o vindeiro domingo, os participantes poderán beneficiarse da promoción de apertura cun prezo reducido de 7 € para a carreira.
Doutra banda, a organización da proba tamén programou para o sábado 15 de xullo ás 20:00 horas a actuación de Pepo Suevos. O actor e humorista lembrará, a través dos seus monólogos, as fazañas deportivas dos deportistas rosaleiros. O espectáculo terá lugar no Auditorio Municipal e a entrada terá un prezo de 8 euros en venda anticipada e 10 en despacho de billetes.
A 10K O Rosal-FEIRA DO VIÑO, está organizada por Qualité Sport coa colaboración do Concello do Rosal.



