spot_img
InicioVigo e áreaVigoAbel Losada destaca o traballo continuo do CCS de Vigo que participou...

Abel Losada destaca o traballo continuo do CCS de Vigo que participou en 159 emerxencias e controlou 8.372 buques en 2023

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou as instalacións do Centro de Coordinación de Salvamento (CCS) Marítimo de Vigo acompañado polo xefe do centro, José María Suárez de Llanos, e polo capitán marítimo, Manuel García, con quen supervisou as diferentes funcións e capacidades da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (SASEMAR), que opera en Vigo desde 1996.

Revista Cousas De Nº20

Abel Losada puxo de relevo o labor que desenvolve este servizo marítimo desde a súa base na Cidade Olívica e destacou, especialmente, o “traballo inxente que realiza tanto para atender emerxencias como no control do tráfico marítimo”.

O subdelegado explicou que durante o ano 2023 o CCS de Vigo atendeu 159 emerxencias das que 86 tiveron que ver con embarcacións. Máis da metade das que se viron en apuros no mar (49) foron embarcacións de recreo, 13 barcos mercantes e 7 pesqueiros. Ademais, actuaron en 5 emerxencias relacionadas co medio ambiente.

abel-losada-destaca-o-traballo-continuo-do-ccs-de-vigo-que-participou-en-159-emerxencias-e-controlou-8-372-buques-en-2023

Salvamento Marítimo tamén realiza un traballo moi importante de control do tráfico marítimo nun 2023 no que Vigo moveu máis de 4,8 millóns de toneladas de mercadorías. Ao longo do pasado ano controlou 8.372 buques, tendo capacidade para manter contacto directo con todos os barcos da zona da Capitanía Marítima de Vigo, que abrangue as rías de Vigo e Pontevedra.

Durante a visita, o subdelegado supervisou o traballo que se realiza no centro de control situado na estación marítima de Vigo e achegouse ata o buque de salvamento María Pita e á salvamar Mirach.

Losada puxo en valor os esforzo do CCS de Vigo no ámbito das emerxencias e destacou “o seu papel fundamental na protección da vida humana no mar e, ao mesmo tempo, da vida mariña, animal e vexetal, pois a loita contra a contaminación é un obxectivo como país e un reto como sociedade prioritario para o Goberno de España co obxecto de avanzar na transición ecolóxica das diferentes actividades económicas”.

Salvamento de Vigo conta cun equipo humano de 46 persoas composto por controladores, persoal administrativo e mariños embarcados.

- Publicidade -spot_img