spot_img
InicioGaliciaA Xunta invita en Fitur 2021 a subirse aos trens turísticos para...

A Xunta invita en Fitur 2021 a subirse aos trens turísticos para coñecer Galicia a través de 11 rutas repletas de atractivos

A Xunta invita en Fitur 2021 a subirse aos trens turísticos para coñecer Galicia a través de 11 rutas repletas de atractivosOs itinerarios permiten coñecer faros, pazos, xardíns ou mosteiros, así como percorrer en tren lugares estratéxicos do Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta participou hoxe na presentación, en Fitur 2021, dunha nova edición dos Tren Turísticos de Galicia, unha experiencia renovada trala pandemia con estritos protocolos de seguridade para coñecer Galicia a través de 11 itinerarios que atravesan faros, pazos, xardíns e mosteiros, así como lugares estratéxicos do Camiño de Santiago.

Alfonso Rueda, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do presidente de Renfe, Isaías Táboas, animou a subirse a un tren que ofrece experiencias “seguras e tranquilas”, na liña do que busca o novo perfil do turista, e subliñou que se trata “dunha das mellores opcións para coñecer o noso territorio e os nosos recursos turísticos”.
Serán en total 22 saídas distribuídas entre os meses de xuño e outubro, con 1.532 prazas -menos que as dispoñibles noutras edicións por mor das restricións sanitarias-. Os viaxeiros poderán elixir o seu itinerario entre a ruta que percorre os pazos galegos e os xardíns históricos, a dos faros, a da lamprea, a dos mosteiros e seis rutas do viño, ademais do percorrido polo Camiño de Santiago.

Os Trens Turísticos de Galicia son un produto consolidado que este ano celebra a súa oitava edición e que conta cun alto predicamento por parte do público, que bateu un récord de ocupación na súa última edición, a do ano 2019, cunha porcentaxe de afluencia superior ao 92%. As enquisas entre os viaxeiros revelaron que o 97,7% dos participantes recomendarían a experiencia aos seus coñecidos.

Destino seguro

O vicepresidente primeiro encadrou esta experiencia no obxectivo da Xunta de seguir reforzando a imaxe de Galicia como destino seguro, para o que conta coa posta en marcha do seguro coronavirus, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, para que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade teñan cubertos os seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus busca tamén a recuperación do sector turístico, e a súa posta en marcha é, así mesmo, unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudalo na súa reactivación.

- Publicidade -spot_img