spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Xunta inicia os trámites da candidatura do Parque Nacional das Illas...

A Xunta inicia os trámites da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade na categoría de Ben Natural

Parque-Nacional-Illas-Atlánticas-acada-distintivo-Carta-Europea-Turismo-Sostible-promoción-conservación-deste-patrimonio-naturalA Xunta de Galicia inicia os trámites da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade pola Unesco na categoría de ben natural.

Así o anunciaron hoxe os conselleiros de Medio Ambiente e Educación e Cultura, Beatriz Mato e Román Rodríguez, no Centro de Visitantes do Parque Nacional Marítimo Terrestre en Vigo. A titular de Medio Ambiente explicou que o Executivo galego vén de enviar ao Ministerio de Cultura a documentación que ten por obxecto xustificar o valor universal excepcional deste parque.

Tal e como indicou Beatriz Mato, as compoñentes naturais e paisaxísticas de valor contrastado, así como a súa contorna “inigualable” para a contemplación e o gozar do medio natural, tanto na área costeira como na mariña; e a riqueza e diversidade dos ecosistemas submariños son algúns dos moitos valores que fan que este parque nacional cumpra cos criterios de selección establecidos polo Comité de Patrimonio Mundial.

Concretamente, o informe reflicte que este espazo natural cumpre catro dos dez criterios que o Comité establece para todo aspirante a formar parte da súa exclusiva lista, aínda que “basta un para poder presentar a candidatura”, matizou Beatriz Mato.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou o carácter “singular” da candidatura do Parque Nacional Illas Atlánticas, e confiou en que a súa inclusión na lista indicativa do Patrimonio da Humanidade sexa realidade “nun prazo razoable” posto que cumpre cos parámetros establecidos pola UNESCO. Segundo o conselleiro, a súa inclusión representaría un “reto importante” para toda Galicia e tamén para moitos concellos da cornixa Atlántica.

Ademais, subliñou que esta inclusión contribuiría a que a lista da Unesco sexa “equilibrada e representativa” xa que a día de hoxe menos do 20% da Lista Mundiais son sitios naturais. De feito España só conta con tres sitios naturais coa distinción de Ben Natural, que son Garajonay, Teide e Doñana, e un mixto (Monte Perdido), todos eles tamén en Parques Naturais.

O conselleiro deu conta do inicio do proceso para declarar as Illas Atlánticas como Ben Natural, que comezou coa remisión ao Ministerio de Educación, Cultura, e Deporte do formulario para a inclusión na lista indicativa española do Patrimonio Mundial, e que agora deberá ser debatido polo Consello de Patrimonio do Estado, no que están representadas as Comunidades Autónomas. Trátase -segundo Román Rodríguez- dun documento “sólido e ben fundamentado” levado a cabo polos técnicos da Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos da Dirección Xeral do Patrimonio.

O Parque cumpre con catro criterios
Deste xeito, os catro criterios cos que cumpre o territorio proposto para ser Patrimonio Mundial da Unesco baséanse, fundamentalmente, na especial beleza natural e elevada importancia estética que o converten nun lugar privilexiado para a contemplación e goce do entorno natural, así como na riqueza e variedade do medio submariño, ideal para o desenvolvemento de actividades de observación tamén das comunidades florísticas e faunísticas subacuáticas; que o acreditan para o cumprimento do criterio sétimo establecido pola Comité de Patrimonio Mundial.

Ademais, a historia xeolóxica deste Parque Nacional, a súa xeomorfoloxía formada pola acción do vento, as ondas e o sal sobre as rochas, os depósitos areosos, como é o caso do sistema praia-barreira-lagoa constituído entre as illas de Monteagudo e Faro no Arquipélago de Cíes; así como os acantilados das Illas Ons e Cíes de enorme valor paisaxístico “permítennos afirmar que as Illas Atlánticas cumpren tamén co oitavo criterio fixado pola Unesco”, sinalou a conselleira.

Igualmente, o Parque Nacional das Illas Atlánticas cumpre co noveno criterio, que pon de relevo os procesos ecolóxicos e biolóxicos continuos e significativos para o desenvolvemento dos ecosistemas mariños, costeiros e terrestres e, por extensión, da flora e da fauna que viven neles. A produtividade das súas augas redunda nunha elevada diversidade de mamíferos, aves, tartarugas, peces e multitude de invertebrados. Deste xeito, neste enclave poden contabilizarse un total de 398 especies. No que respecta aos territorios emerxidos, as áreas costeiras, os acantilados e os sistemas dunares serven de refuxio a grandes colonias de cría de aves mariñas, alcanzando cifras superiores aos 20.000 individuos.

Por último, segundo asegurou Beatriz Mato, o territorio proposto cumpre o décimo criterio fixado pola Unesco, que fai referencia aos 32 tipos de hábitats de interese comunitario cos que conta o parque. Entre os diferentes tipos, destacan os identificados como prioritarios, posto que a súa conservación é de especial responsabilidade por parte dos Estados membros da Unión Europea. Estes hábitats son o Lago do Nenos, que se atopa en Cíes, ou as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea e dunas fixas descalcificadas, cuxas mellores representación se localizan nos areais de Rodas e Muxieiro (Cíes), Melide (Ons), Bois, Zafra e Vionta (Sálvora).

O primeiro ben natural de Galicia na lista da Unesco

Así, o Parque Nacional das Illas Atlánticas xustifica a súa candidatura, que de triunfar, “Galicia contará por primeira vez cun ben natural na lista do Patrimonio Mundial, xa que os outros cinco xa declarados son bens culturais”, afirmou a conselleira de Medio Ambiente. Do mesmo xeito, converterase no cuarto Parque Nacional de España en pasar a formar parte da exclusiva lista da Unesco, despois do de Garajonay e Teide, en Canarias; e Doñana, en Andalucía.

 

 

 

- Publicidade -spot_img