A proposta terá como núcleo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia pero estenderá a súa área de influencia desde Porto do Son ata Baiona sumando más de 90.000 hectáreas de superficie, o 92% delas marítimas
A Xunta impulsará en 2025 a candidatura da oitava reserva da biosfera galega, que terá como núcleo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia pero estenderá a súa área de influencia desde Porto do Son ata Baiona sumando máis de 90.000 hectáreas de superficie, o 92% delas marítimas. Deste xeito, de aprobarse a proposta, Galicia pasaría a ter a metade do seu territorio amparado por algunha figura de protección, fronte ao 42% actual.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou esta medida en Madrid durante o seu relatorio sobre o Patrimonio natural de Galicia: os nosos soutos e castiñeiros, que se enmarca no programa Toma castaña, organizado pola Casa de Galicia en Madrid para poñer en valor este produto típico do outono.
A representante do Executivo galego salientou que a comunidade avanza así na ampliación dos espazos protexidos, como xa fixo en 2021 incorporando a Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera da Unesco e en 2023 co segundo Xeoparque Mundial de Galicia, o de cabo Ortegal.
De feito, nese compromiso por consolidar Galicia como unha das comunidades autónomas con maior número e maiores porcentaxes de reservas da biosfera, a Xunta consigna nos orzamentos de 2025 unha partida de 80.000 euros para iniciar a tramitación desa oitava reserva da biosfera e garantir a súa divulgación.
A responsable autonómica incidiu en que a Xunta avanza así na súa filosofía de conservar e apostar pola Galicia verde, como demostra tamén que fose a primeira comunidade en aprobar a Estratexia da Infraestrutura Verde para poñer en valor os ecosistemas e loitar contra o cambio climático. Nesa planificación teñen especial importancia as cidades e a creación de sendas verdes nelas para renaturalizalas e facelas máis agradables para o conxunto da cidadanía.




