Os eventos contarán coa participación de pescadores, mariscadoras ou confrarías, chefs, investigadores, operadores turísticos, persoal académico, profesionais da saúde e bloggers, entre outros
A Xunta pretende promocionar as virtudes dos produtos do mar de Galicia así como a gran oferta gastronómica e hostaleira da comunidade, nos vindeiros meses a través de cinco foros enmarcados na campaña Galicia sabe amar. Así, con #aCociñaDoMar como fío condutor, as cidades da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela acollerán charlas, mesas redondas, obradoiros de cociña e degustacións ao longo do segundo semestre deste ano.
As xornadas enmárcanse na campaña Galicia sabe amar posta en marcha polo Executivo autonómico e dan continuidade ás catro rutas con foodtrucks que están a percorrer distintos concellos de España vencellados co Camiño de Santiago
O Hotel Monumento San Francisco acolleu hoxe a presentación que contou coa presenza do conselleiro do Mar, Alfonso Villares e de reputados chefs que, segundo está previsto, serán os que capitaneen tamén os cinco foros, como son Yayo Daporta–propietario do seu restaurante homónimo en Cambados–, Moncho Méndez –de Millo Orzán, na Coruña–, Lucía Freitas, –da Tafona e a Barra Gastronómica Lume, en Santiago–, Daniel Guzmán –de Nova, en Ourense– e Héctor López –do restaurante España, en Lugo– que ofreceron o seu saber facer ao público asistente a través de distintas degustacións.
Uns “aliados de excepción”, tal como indicou Alfonso Villares, que axudarán a promover a gran oferta culinaria e hostaleira coa que conta Galicia xunto ao resto de axentes vencellados á cociña do mar.
Estes foros conforman a segunda liña de actuación da campaña Galicia sabe amar pensadas para este ano, dando continuidade ás catro rutas de foodtrucks iniciadas en febreiro que están a ofrecer petiscos de produtos certificados das rías galegas por distintos concellos de España vencellados co Camiño de Santiago




