Esta iniciativa cultural ten por obxectivo poñer en valor o camiño Portugués desde unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar o encontro coa comunidade local e os peregrinos
Porriño acolleu hoxe unha das dez accións artísticas que se planificaron en distintos concellos polos que pasan o Camiño Portugués e o Camiño pola Costa. Na presentación estiveron presentes a alcaldesa do Porriño, Eva García; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; a deputada provincial Victoria Alonso; Anxo Lourenzo, director xeral de Políticas Culturais, en representación da Xunta de Galicia e Paula Cabaleiro, responsable da iniciativa.

A intervención do Porriño, na praza Antono Palacios, é a cuarta desenvolvida ata o momento, e está asinada por Dúas, un grupo de percusión formado pola ourensá Marta Figueirido e a sadense Sabela Caridad. A obra, baixo o título Nos pasos é unha peza inédita que estivo acompañada pola vídeo-creación da artista visual Bea Seijas.
A intervención alternou momentos de calma en referencia á espiritualidade do Camiño, ás sensacións plenas como experiencia de peregrinaxe, fronte a outros de caos, en relación ao ritmo de vida imposto polas cidades e o estrés. As artistas deseñaron unha montaxe na que o obxectivo principal é a interacción co público e a resposta que desperta a peza.
Todas as acción artísticas que se levan a cabo baixo Camiño a Dentro destacan pola súa orixinalidade e as múltiples linguaxes que forman parte delas, xa que ademais da acción musical de hoxe, a iniciativa acolle escultura, poesía, teatro, pintura, cine, música, fotografía ou ilustración. As intervencións artísticas continuarán mañá en Oia, o día 16 na Garda, o 17 en Pontevedra, o 18 en Nigrán, o 19 en Tui e rematarán o 25 de outubro en Soutomaior.
Camiño a Dentro inclúese en O teu Xacobeo, o programa posto en marcha pola Xunta para promover actividades de dinamización na antesala do Ano Santo en toda a Comunidade. No caso da provincia de Pontevedra estanse a desenvolver ao abeiro deste programa 83 proxectos.



