spot_img
InicioO MorrazoA Xunta e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra...

A Xunta e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra colaborarán en materia de emerxencias

Xunta-Autoridade-Portuaria-Marín-Ría-Pontevedra-colaborarán-materia-emerxenciasO obxectivo é axilizar o intercambio de información e actuar de xeito máis eficiente ante posibles incidencias que ocorran nas instalacións da Autoridade Portuaria

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, Jose Benito Suárez Costa, asinaron esta mañá nas instalacións do porto un acordo de colaboración entre a Axega e a Autoridade Portuaria en materia de emerxencias.

A finalidade do acordo é establecer os procedementos de comunicación bilateral entre o 112 Galicia e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, de maneira que ambos estean informados con relación aos accidentes ou incidentes que poidan producirse nas instalacións e infraestruturas competencia da Autoridade Portuaria e que esixan a intervención de medios externos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil, ou extinción de incendios e salvamento.

Así, a Autoridade Portuaria porá en coñecemento do 112 Galicia, de acordo cos procedementos de actuación que se elaboren polos medios de comunicación acordados e coa máxima prioridade posible os accidentes e incidentes que se produzan e afecten ás súas instalacións, e ase mesmo ambos intercambiarán a información cartográfica da que dispoñen, sempre e cando sexa necesaria para o cumprimento do presente acordo, así como os datos da relación de medios e recursos dispoñibles para atender ás emerxencias.

O CAE112 Galicia informará á Autoridade Portuaria de todos os accidentes e incidentes dos que teña coñecemento e que se teñan producido nas súas instalacións, así como dos requirimentos de asistencia que teñan cursado ás Administracións Públicas que en cada caso resulten competentes, para a prestación material da asistencia requirida. Enviará tamén as alertas que se declaren no territorio de Galicia, cos informes de predición meteorolóxica oficiais elaborados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e os informes que con carácter complementario elabore METEOGALICIA a efectos de consulta.

No suposto de emerxencias que pola súa especial extensión ou intensidade sexan particularmente graves, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra porá os medios humanos e materiais necesarios, que seguirán baixo a súa propia dirección, para solucionar as incidencias que se produzan dentro do seu campo de actuación, nos termos e condicións definidas nos seus plans de autoprotección e nos protocolos que se subscriban por ambas partes, comunicando ó CAE 112 Galicia as devanditas actuacións. E a Autoridade Portuaria poderá formar parte do operativo que se constitúa para facer fronte a este tipo de emerxencias.

As comunicacións entre o 112 Galicia e Autoridade Portuaria deberán poder realizarse as 24 horas, os 365 días ao ano e efectuaranse polos interlocutores designados a tal efecto por ambas partes.

- Publicidade -spot_img