spot_img
InicioBaixo MiñoA Xunta de Galicia inaugura as novas instalacións de Cogami en Navia...

A Xunta de Galicia inaugura as novas instalacións de Cogami en Navia que ofrecerán atención a persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño

a-xunta-de-galicia-inaugura-as-novas-instalacions-de-cogami-en-navia-que-ofreceran-atencion-a-persoas-con-discapacidade-da-comarca-do-baixo-mino

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiron esta mañá á inauguración das novas instalacións da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) en Navia (Vigo), que foron ampliadas grazas a unha axuda do Programa Leader da carteira rural da Xunta de Galicia. A responsable do Medio Rural destacou as vantaxes deste plan, que non só fomenta proxectos produtivos, senón tamén de servizos para o eido rural, como é o caso. Deste xeito, contribúese a mellorar a calidade de vida dos veciños do rural e a fixar poboación.

Nesta liña, a titular autonómica subliñou que, desde o Goberno autonómico, “apoiamos iniciativas que aínda que non teñan que ver coas actividades agrogandeiras especificamente, si que favorecen o desenvolvemento rural e este é o mellor exemplo”.

En concreto, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural do Baixo Miño, Cogami recibiu 250.000 euros (o 48% do orzamento total) para rehabilitar varios locais que, xuntos, alcanzan os 600 metros cadrados e nos que a partir de agora se atenderán a persoas con distintos tipos de discapacidade. Respecto aos servizos que se ofrecerán nas instalacións, se inclúe a mediación laboral e intervención social, a formación con aulas e clases e cuestións administrativas, con espazo para recepción, almacén, arquivo, sala de xuntas, aseos, etc. Darase cobertura a toda a área sur da provincia de Pontevedra.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, apuntou que este novo centro “pon a disposición das persoas con discapacidade de Vigo e das súas familias unhas mellores instalacións, máis modernas, con espazos máis amplos e máis cómodos e mellor adaptados tanto ás necesidades dos seus usuarios como tamén dos profesionais que traballan nelas”. Tras valorar o traballo que realiza Cogami en prol das persoas con discapacidade, Rey Varela lembrou que a Consellería de Política Social incrementou para este ano 2016 nun 30% o convenio de colaboración coa confederación ata chegar aos 950.000 euros, así como os 2,5 millóns de euros que destina ao mantemento de máis de 260 prazas en toda Galicia para persoas con discapacidade.

Plan Leader
O novo centro de Cogami conta cunha achega da Consellería do Medio Rural de 250.000 euros, que está financiada nun 75% polo FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural), nun 12% polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e nun 13% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

O proxecto inclúese no Programa Leader 2007-2013, que permitiu sacar adiante 2.183 proxectos relacionados co desenvolvemento rural en Galicia ata o ano 2015. Así, consolidáronse ata 4.949 postos de traballo e creáronse 957 novos empregos no rural. Todo, grazas a unhas achegas por valor de 91,7 millóns que lograron un investimento total no rural de 226 millóns de euros.

Durante a súa visita a conselleira animou a seguir traballando nesta senda “para crear novas empresas, consolidar as xa existentes e que a mocidade poida ver no rural unha alternativa de futuro”. Por iso, xa está en marcha o novo Leader 2014-2020, que permitirá continuar coa senda de creación de emprego e o asentamento de poboación no rural. Este programa conta cun orzamento de 84 millóns para investir en proxectos específicos de desenvolvemento do rural.

- Publicidade -spot_img