Inicio Galicia A Xunta crea a Comisión Interdepartamental que porá en marcha as primeiras...

A Xunta crea a Comisión Interdepartamental que porá en marcha as primeiras medidas da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía

A Xunta crea a Comisión Interdepartamental que porá en marcha as primeiras medidas da Estratexia de Cambio Climático e EnerxíaO Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se crea a Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE), adscrita organicamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que terá como misión principal asumir a coordinación e a colaboración en materia de cambio climático de todas as accións administrativas e de goberno.

As liñas de actuación marcadas pola EGCCE 2050, a folla de ruta aprobada o pasado 3 de outubro e coa que a Xunta aspira a situar a Galicia á vangarda na loita contra o quecemento global, poranse en marcha a través de diferentes plans de desenvolvemento plurianuais, o primeiro dos cales inclúe un total de 170 medidas coas que se mobilizarán máis de 1.250 millóns de euros. Neste Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2019-2023 fíxanse os pasos e as accións a dar desde o Goberno galego durante os próximos cinco anos, servindo de base tamén para a redacción dos sucesivos plans.

Debido ao carácter transversal das implicacións do cambio climático e á concorrencia de competencias á hora de planificar as medidas coas que facerlle fronte, a Xunta decidiu que a aplicación e o desenvolvemento práctico destes programas plurianuais recaeran sobre unha comisión na que se garanta que todos os departamentos que integran a Administración e o Goberno de Galicia se atopen representados ao máximo nivel.

Neste sentido, estará presidida pola titular da Consellería de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a vicepresidencia recaerá na persoa que estea ao fronte da dirección xeral con competencias en materia de Enerxía. Formarán parte tamén como vogais os secretarios, directores xerais ou cargo equivalente competentes en materia de Cambio Climático, Calidade Ambiental, Medio Natural, Auga, Agricultura, Gandaría, Ordenación forestal, Industria Forestal, Administración Local, Ordenación do Territorio, Economía, Facenda, Industria, Enerxía, Saúde Pública, Vivenda, Infraestruturas, Mobilidade, Protección civil, Xestión de emerxencias, Turismo, Educación, Pesca, Portos, I+D e Comunicación.

A través desta comisión interdepartamental, a Xunta garante tamén que se fagan visibles as actuacións que fronte ao cambio climático poñen en marcha as distintas consellerías, actuacións que deben conformar de maneira coordinada os plans ou programas do goberno para a mitigación e adaptación ao cambio climático.

Entre as súas funcións cómpre subliñar o establecemento dos fundamentos para abordar a execución e seguimento da EGCCE 2050 e dos plans de acción derivados desta; o impulso e a coordinación da posta en marcha das medidas de mitigación e adaptación que correspondan aos distintos ámbitos sectoriais; a análise das medidas derivadas das estratexias de cambio climático establecidas a nivel europeo e nacional que afecten a Galicia así como o seu cumprimento; o fomento da investigación e o estudo en materia de mitigación e adaptación ao cambio climático; ou o impulso a programas que incrementen o interese e coñecemento da cidadanía na materia, promovendo cambios nas pautas de comportamento.

Ademais, tamén se encargará da realización dun informe de avaliación dos plans operativos para a implantación e desenvolvemento da EGCCE 2050, así como da elaboración e aprobación dos sucesivos plans, e ocupase de elaborar un informe de seguimento sobre o cumprimento dos obxectivos fixados na Estratexia, que será presentado ante o Parlamento de Galicia cada dous anos.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies