Inicio Galicia A Xunta consensuará co sector turístico un modelo propio que eleve os...

A Xunta consensuará co sector turístico un modelo propio que eleve os estándares de seguridade sanitaria por riba da media

unha-tempada-de-praia-exitosa-e-sen-incidentes-marcou-o-veran-da-guarda
Praia O Muiño na Guarda

Galicia contará cun modelo propio que permita elevar os estándares de seguridade sanitaria por riba da media, apostando na saída da crise pola calidade como elemento diferenciador

Así o avanzou hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante a súa comparecencia na Deputación Permanente para informar sobre o Plan de Reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da crise do COVID-19 aprobado no Consello da Xunta, unha folla de ruta que contempla preto de 50 medidas cunha dotación de 27 millóns de euros para favorecer a recuperación destas dúas industrias ao longo dos vindeiros meses.

Durante a súa intervención, o titular de Cultura e Turismo destacou que garantir a confianza e a seguridade dos potenciais visitantes é fundamental para a recuperación do sector turístico. “Galicia, destino seguro é moito máis que un lema. É unha obriga e unha responsabilidade compartida entre o sector empresarial e as administracións”, puntualizou. Neste sentido, considerou que a resposta do Goberno central nesta materia foi “insuficiente”, ao limitarse a publicar o sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) unha serie de ordes con indicacións xenéricas para as diferentes áreas do turismo, e o propio domingo, un día antes da reapertura, unhas guías con recomendacións específicas para cada actividade.

Segundo Román Rodríguez este sistema pode xerar desigualdades entre establecementos e promove un sector “a dúas velocidades” que debilita a Galicia como destino. Así pois, explicou que a Xunta acordará co sector establecer protocolos consensuados que poidan ser asumidos pola totalidade dos establecementos, xerando desta maneira confianza entre traballadores e usuarios. O Goberno galego acompañará este proceso cun investimento de 5M€ a través do programa Galicia, destino seguro, que recolle axudas públicas e formación para os negocios que precisen acometer actuacións que se deriven da súa aplicación.

Apostar polo “turismo de autor”

O conselleiro de Cultura e Turismo aclarou que a folla de ruta elaborada pola Xunta para a reactivación do sector turístico contempla un total de 24 iniciativas, dotadas con ata 11M€, enmarcadas en catro eixos de actuación. O primeiro deles céntrase na posta en marcha de accións de promoción e de activación da demanda, impulsando Galicia como un destino caracterizado por valores como a seguridade, a saúde ou a sustentabilidade e no que tamén se apostará por tecer sinerxías entre a nosa Comunidade e o norte de Portugal.

Neste ámbito recóllense proxectos como o impulso de Galicia como destino para o turismo de congresos adaptado á nova realidade. Co obxectivo de financiar preto de 50 eventos no último cuadrimestre do ano, a Xunta publicará mañá mesmo unha orde de ampliación de prazos dotada con 500.000 euros. O segundo eixo de actuación, subliñou Román Rodríguez, pasa pola creación de novos produtos turísticos da man de axentes como os xeodestinos, potenciando o turismo local, ou a sinatura de acordos coas diferentes entidades sectoriais para adaptar toda a cadea de valor do sector á evolución do mercado.

preto-11-500-persoas-pasaron-pola-oficina-municipal-de-turismo-de-tui-en-xullo

O terceiro vector do plan contempla medidas de apoio ao sector empresarial e ao mantemento do emprego turístico a través de accións como o programa Queda en Galicia, polo que se cubrirán os gastos derivados do financiamento dos produtos mercados en axencias de viaxes e se priorizará o turismo local e de proximidade, ou o Bono solidario, que gratificará con paquetes turísticos en Galicia aos profesionais autonómicos vinculados á loita contra o coronavirus. Por último, o cuarto eixo pasa por reforzar a formación e a mellora da competitividade dos negocios, ampliando o Plan de teleformación a cargo do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), no que xa participaron máis de 3.000 persoas durante o estado de alarma, ou implementando un sistema de asesoramento e consulta.

É un plan que aposta polo turismo de autor, por un modelo propio”, resumiu o conselleiro, que salientou a importancia de “apostar polo detalle, a calidade e a confianza do destino”, tal e como vimos facendo coa nosa capacidade de acollida no Camiño de Santiago.

Bono cultural compartido

No que atinxe ao eido cultural, Román Rodríguez destacou que o plan recolle un total de once medidas dotadas con máis de 10M€ enmarcadas, igualmente, en catro eixos de actuación. O primeiro deles, explicou, baséase na activación de todas as industrias culturais a través de distintas liñas de apoio para sectores como o do libro e as bibliotecas, cunha dotación de máis de 2,3M€, o sector audiovisual, por máis de 4M€, as artes escénicas, cun investimento de 1,8M€, así como accións centradas na música ou as artes plásticas.

-nigranjazz-celebra-o-decimo-aniversario-do-festival-recuperando-os-dous-dias-de-programacion

O segundo eixo céntrase no mantemento do emprego cultural na Comunidade a través da creación dun fondo de proxectos e iniciativas culturais que priorice o mantemento do tecido empresarial ou a reprogramación das actividades. En paralelo, apostarase polo fomento do consumo a través dunha campaña de sensibilización dirixida a toda a sociedade galega ou mediante a creación dun bono cultural. Precisamente, o titular de Cultura da Xunta lamentou a “negativa e desinterese” do Goberno central a participar nesta iniciativa, tal e como Galicia propuxo ao ministro de Cultura y Deportes, polo que buscará a complicidade das deputacións e concellos da Comunidade para a súa posta en marcha conxunta.

O cuarto eixo de actuación baséase no desenvolvemento de medidas de formación, profesionalización e mellora da competitividade a través dun servizo de consultoría en liña ou mediante un plan de formación no eido cultural dotado con preto de 600.000 euros. “Buscamos protexer e apoiar toda a cadea de valor da produción cultural, fomentar a creación de novas tipoloxías e formatos adaptados ao novo escenario e apostar pola formación e a innovación como piares do sector”, enfatizou Román Rodríguez.

Neste sentido, lembrou que esta estratexia “xorde de escoitar a centos de profesionais que nos achegaron os seus problemas e necesidades” e aos que seguirá dando resposta. Ademais, Román Rodríguez aclarou que o plan está conformado por unha batería de medidas orientadas ás singularidades destes sectores, que se complementan coas medidas transversais en marcha ou previstas pola Xunta para o resto de segmentos económicos de índole laboral, fiscal e financeira, aos que xa están accedendo empresas e traballadores destes ámbitos.

O Xacobeo máis galego da historia

O titular de Cultura e Turismo destacou que o plan se completa con doce medidas centradas na celebración do Xacobeo 2021, por máis de 5,6M€, con incidencia tanto no eido cultural como o turístico. Entre elas, anunciou a activación nas próximas semanas dun fondo de proxectos que inxectará liquidez inmediata nas industrias culturais da Comunidade e que contemplará axudas de ata 10.000 euros para a posta en marcha de proxectos dixitais ou presenciais. Do mesmo xeito, fomentarase a compra de obras de artistas galegos e impulsaranse accións no eido musical como unha convocatoria de proxectos para este sector por máis de 1M€ ou o apoio aos ciclos musicais do Xacobeo ou FEST Galicia.

turismo-de-galicia-leva-a-portugal-e-alemana-duas-exposicions-que-promoven-o-destino-galicia-e-o-camino-de-santiago

Román Rodríguez subliñou a importancia deste evento no contexto actual e apuntou que tras a crise sanitaria provocada polo coronavirus, o éxito do vindeiro Ano Santo “pasa por un só obxectivo: a recuperación económica de Galicia”. Para acadalo, avanzou que a Xunta traballa en construír “un novo Xacobeo, o máis galego da nosa historia sen renunciar ao seu espírito de universalidade”, que exerza como motor económico dos sectores cultural e turismo, pero tamén como unha oportunidade para a promoción e posta en valor da nosa Comunidade no exterior. Neste sentido, invitou a todas as forzas políticas a sumar esforzos para facer deste evento “unha oportunidade única para a recuperación de Galicia”.

Agradecemento aos profesionais

Durante a súa intervención, o titular de Cultura e Turismo avanzou que a previsión da Xunta é que xa neste mesmo mes se poidan poñer en marcha as primeiras medidas deste plan, abrindo as primeiras convocatorias e asinando os primeiros convenios. Lembrou que esta folla de ruta é froito da colaboración cos distintos do sector aínda que, resaltou, este clima de cooperación “non pode rematar coa aprobación do plan”. Recordou que a recuperación da cultura e o turismo galego “é un desafío compartido” ao tratarse de dous sectores estratéxicos que representan o 13% do PIB galego e máis de 150.000 postos de traballo.

Deste xeito, subliñou que é máis necesario que nunca buscar liñas de actuación conxuntas entre as distintas administracións que permitan evitar duplicidades, crear sinerxías e concentrar o esforzo económico no impulso do tecido produtivo e o mantemento do emprego no eido cultural e turístico. Precisamente, o conselleiro quixo agradecer durante a súa comparecencia o esforzo dos profesionais destes dous sectores nas últimas semanas. “Son moitas as persoas e colectivos que demostraron que Galicia estivo á altura”, valorou.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies