spot_img
InicioO SalnésA Xunta autoriza ao Concello de Cambados a execución dunha área recreativa...

A Xunta autoriza ao Concello de Cambados a execución dunha área recreativa na marxe dereita do río Umia na parroquia de San Adrián de Vilariño

Xunta-autoriza-Concello-Cambados-execución-dunha-área-recreativa-marxe-dereita-río-Umia-parroquia-San-Adrián-VilariñoA Xunta de Galicia vén de outorgar a autorización ao Concello de Cambados para a execución dunha área recreativa na marxe dereita do río Umia, concretamente no lugar de Covas de Lobos, na parroquia de San Adrián de Vilariño.

En concreto, as obras de acondicionamento e mellora de parcela para área recreativa consistirán na explanación e refino de terras da zona onde se vai efectuar o parque, vertido de terras nas zonas que o precisen para conseguir unha superficie sensiblemente plana e horizontal, limpeza dos canles naturais para favorecer a drenaxe do terreo, colocación de oito bancos, poda e arranxo das árbores existentes, así como plantación de especies de ribeira e colocación de varanda de madeira na parte lindeira co río, formada por piares de madeira situados cada dous metros e travesas do mesmo material.

As obras autorizadas deberán iniciarse nun prazo máximo de dous meses, debendo quedar finalizadas nun prazo de seis meses.

Conforme ao POL
A autorización autonómica emítese unha vez comprobada que a solicitude do Concello se corresponde cun uso cualificado como permitido no Plan de Ordenación do Litoral. A este respecto a normativa do POL considera permitido nas áreas de protección intermareal e de protección costeira as actividades vinculadas directamente coa conservación, utilización e gozo do dominio público, do medio natural e do patrimonio cultural, sempre que non leven consigo a transformación do seu carácter e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección.

Segundo a resolución emitida pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, durante a execución das obras deberanse adoptar as medidas necesarias tanto para garantir a integridade do dominio marítimo-terrestre e as súas zonas de servidume, como a seguridade de persoas e bens, balizando e sinalizando convenientemente a zona de traballo e adoptando as medidas de seguridade e hixiene aplicables a este tipo de actuacións.

- Publicidade -spot_img