spot_img
InicioO SalnésCambadosA Xunta asina un convenio de colaboración coa Asociación Esperanza Salnés para...

A Xunta asina un convenio de colaboración coa Asociación Esperanza Salnés para o desenvolvemento de programas terapéuticos para nenos con discapacidade física ou intelectual

 A Xunta asina un convenio de colaboración coa Asociación Esperanza Salnés A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Esperanza Salnés para o desenvolvemento de actividades e programas de intervención terapéutica destinados á atención de nenos con discapacidade física ou intelectual da bisbarra arousana.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou e informou deste acordo esta mesma tarde nunha visita á sede da entidade, emprazada no Concello de Cambados, xunto ao seu presidente, Augusto Chaves. En virtude do mesmo, o Goberno galego reportará 15.000 euros ao colectivo para a execución desta iniciativa ao longo de todo o presente ano.

Esperanza Salnés está a levar a cabo, dende hai tempo, diversos programas de atención terapéutica especializada e individualizada nas distintas áreas de actuación ás persoas da comarca con calquera tipo de minusvalía de idades comprendidas entre os 2 e os 18 anos, tanto escolarizadas como aquelas que non poden incorporarse aos cursos lectivos ordinarios por mor das súas patoloxías.

“Esta asociación fai un labor fundamental na bisbarra do Salnés, mellorando a calidade de vida e favorecendo a integración plena, especialmente nos ámbitos educativo e socio-familiar, de decenas de beneficiarios, polo que é máis que merecida a colaboración da Xunta, que vai estar apoiando sempre este importante traballo social”, explicou o representante autonómico, que coñeceu as instalacións e o desenvolvemento dos programas terapéuticos da entidade.

Deste xeito, a Xunta permite, coa súa achega, que Esperanza Salnés poida levar a cabo actividades de interese xeral, tanto no termo de Cambados como no resto da bisbarra do Salnés, en base ao seu obxecto social, centrado na promoción de actividades asistenciais a nenos con discapacidade de calquera tipo, como física, intelectual, sensorial ou cerebral.

“En moitas ocasións as asociacións non poderían desenvolver os seus fins, coa conseguinte mellora da calidade de vida e do interese xeral do seu municipio ou ámbito de actuación, sen a axuda da administración pública, xa que os seus recursos soen ser limitados, pero a Xunta sempre está disposta a colaborar, como neste caso, para solucionar situacións complexas e prestar servizos aos cidadáns, especialmente no eido social”, explicou Luis López, que agradeceu “o esforzo, traballo, implicación e profesionalidade” de Esperanza Salnés e do seu equipo de traballo.

Finalmente, o delegado territorial explicou que o convenio recolle que o Goberno galego poderá instrumentar esta colaboración a través de pagamentos parciais por adiantado de ata o 80% da subvención, sempre a petición da entidade en caso de que non poida adiantar fondos para o desenvolvemento destes programas.

- Publicidade -spot_img