Inicio Galicia A Xunta aproba o regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica...

A Xunta aproba o regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego

A Xunta aproba o regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan GalegoA orde nomea, ademais, un Consello Regulador provisorio, que abrirá os distintos rexistros de produtores de trigo, muíños e panadarías para lograr que este ano xa se poida atopar no mercado pan identificado como Pan Galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde da Consellería do Medio Rural que aproba o Regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, ademais de nomear un Consello Regulador provisorio.

Así, o Regulamento establece que as características que debe ter o pan para poder acollerse a esta IXP de ámbito galego son contar cunha codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular. Ademais, a súa elaboración ten que ser artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos. A maiores, o produto hase de caracterizar pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.
Segundo a orde publicada hoxe, as pezas de pan amparado poderán adquirir a forma de fogaza, rosca, bolo ou barra. Canto ao sabor e o aroma, o pan distinguirase por ser moi aromático e por contar cun sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido. No tocante á conservación das súas propiedades, a súa forte codia actuará de protección e permitiralle ao produto manter durante horas a súa consistencia dura e crocante, así como a textura esponxosa da miga. Deste xeito, poderase consumir pasadas 48 horas desde a elaboración, ou mesmo despois.

No relativo á supervisión das características e a orixe do pan, a Consellería do Medio Rural aprobará, tras a proposta do pleno do Consello Regulador, o programa de control, os procedementos operativos, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da IXP Pan Galego, que serán integrados no manual de calidade. Os controis basearanse en inspeccións ou auditorías das parcelas de cultivo, almacéns de gran, muíños e instalacións de elaboración e despacho, revisión da documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos no Regulamento. Así, poderán levarse a cabo comprobacións para verificar as características das distintas fariñas empregadas na elaboración do Pan Galego, así como analíticas do propio produto.

Canto ao Consello Regulador da IXP, consta dunha presidencia e dez vogalías, ocupadas tres por representantes do sector produtor de trigo, dúas por representantes dos muíños e cinco por titulares das panaderías. Este Consello abrirá agora os distintos rexistros, para ter identificadas tanto as parcelas de cultivo e almacéns de gran, como os muíños e as instalacións de elaboración e despacho de Pan Galego, co obxectivo de que este produto amparado poida atoparse no mercado este mesmo ano.

Apoio da Xunta

A aprobación do Regulamento e do Consello Regulador da IXP Pan Galego prodúcese despois de que o produto xa quedara incluído no Rexistro Comunitario das Indicacións Xeográficas Protexidas, o que supuxo o seu recoñecemento no ámbito europeo. Todos estes trámites foron posibles logo dun proceso iniciado oficialmente en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan) -se ben os traballos para acadar este logro viñan de anos atrás- e no que sempre contaron co apoio do Goberno galego.

A Xunta e o sector agardan que esta medida beneficie un gran número de pequenas panaderías distribuídas por toda a comunidade, nomeadamente nas zonas rurais. Ademais, esta indicación incentivará o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación do rural e mesmo para anticiparse aos incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como barreira fronte aos lumes.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200728/AnuncioG0426-210720-0004_gl.html

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies