·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaA CoruñaA violonchelista viguesa Margarida Mariño converte en canción os versos de Xela...

A violonchelista viguesa Margarida Mariño converte en canción os versos de Xela Arias fusionando o chelo coa electrónica

A violonchelista viguesa Margarida Mariño converte en canción os versos de Xela Arias fusionando o chelo coa electrónica Margarida Mariño participa na serie de micropezas das Letras Galegas 2021 da Real Academia Galega cunha colaboración especial na que lles pon música e voz aos versos do poema que dá titulo á obra Tigres coma cabalos

Margarida Mariño participa na serie de micropezas da Real Academia Galega sobre Xela Arias cunha colaboración ben especial. A violenchelista viguesa, que aposta pola fusión do chelo e a electrónica, púxolles música e voz a versos de Tigres coma cabalos, o segundo poemario da autora á que a institución dedica o Día das Letras Galegas 2021. O videoclip do tema, gravado no Museo do Mar de Vigo, foi producido pola RAG e pode verse dende hoxe en academia.gal e na canle de Youtube da entidade.

Margarida Mariño escolleu o poema que arrinca co verso “Ti poñéndote fóra da vida dos gritos”, ao que pertence tamén o que di “Tigres coma cabalos abrasados” e dá nome ao libro que Xela Arias publicou, hai xa tres décadas, en diálogo coas fotografías de Xulio Gil. “Coido que a poesía de Xela Arias encaixa moito coa miña forma de facer música, no sentido de que son textos breves pero moi potentes e precisos. A poeta ten, dende o meu punto de vista, unha precisión á hora de empregar as palabras para describir xusto esa emoción ou esa situación na que estás pensando, e iso encántame”, valora Margarida Mariño.

A compositora e intérprete interesouse por Xela Arias xa hai tempo, pero non foi ata o anuncio de que sería a protagonista do Día das Letras Galegas 2021 cando profundou na súa obra. E cando recibiu a proposta da RAG para participar na serie de micropezas Xela Arias. Onde canta a poeta, tivo claro que o faría rendéndolle homenaxe coa linguaxe musical. Dubidou entre varios poemas, e a escolla final está guiada non só polo que os versos elixidos transmiten coas palabras. “Á hora de musicar un poema, hai que ter en conta moitas cousas. Primeiro, a lonxitude do texto, porque me gusta empregalo enteiro, sen retallar; e tamén é importante a rítmica das palabras, os seus sons fonéticos e, por suposto, que a estrutura dea xogo de cara a converter algún verso en retrouso, se ten forza de abondo como para ser o protagonista da canción”, explica. “Por iso, aínda que había outros poemas que me gustaban, ao final atrevinme con este, vinlle moito potencial para facer música”, engade.

Unha nova voz

Margarida Mariño naceu e reside en Vigo, a cidade que acolleu a Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) dende os 7 anos. A artista forma parte de distintos proxectos musicais de moi diversos estilos: colabora con Fernando Barroso, con quen publicou Silence Lovers (2017) e Xograr (2020); co quinteto de indie-jazz liderado por Iago Marta; ou o Trío Eixos Cromáticos, encabezado por Alba Barreiro e centrado en poñer en valor clásicos galegos como Jesús Bal y Gay ou Andrés Gaos. Dende 2020 traballa ademais no seu proxecto en solitario Cello&Electronics, mesturando o instrumento que comezou a tocar aos 8 anos coa electrónica.

Tras o seu primeiro disco do mesmo nome, o pasado mes de febreiro lanzou “Alcume”, o primeiro sinxelo do seu novo traballo, que irá presentando tema a tema, paseniñamente, nos vindeiros meses, e no que suma ao chelo a súa propia voz como instrumento. “Non teño ningunha présa, ao contrario, quero facer o meu segundo disco con moito máis mimo có primeiro. Se todo vai ben, creo que vai quedar xenial. Nos directos xa se pode escoitar parte do repertorio novo”, conta Margarida Mariño. Unha ocasión especial para facelo será o concerto que a violonchelista dará na Coruña na véspera do Día das Letras Galegas, o 16 de maio ás 20 horas, no Teatro Colón. “Será un concerto único, xa que conto coa colaboración de Laura Iturralde no deseño da escenografía e iluminación, feito especialmente para a ocasión. Vai ser espectacular”, augura. As entradas, de balde, poden reservarse na páxina web do teatro Colón.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies