Os próximos días 18 e 19 de xuño, baixo a dirección do Club Aromon, e amparado polas Federacións Española e Galega de Orientación celebrarase, por segunda vez no Val Miñor, o PontevedRAID.
O RAID é unha especialidade da modalidade deportiva de Orientación, na que o percorrido é secreto para os participantes ata o momento da saída, cando se lles entregan varios mapas cos puntos de control nos que terán que rexistrar o seu paso e que terán que atopar coa única axuda deses mapas e un compás.
Trátase dunha competición por equipos, compostos por 3 integrantes, e multidisciplinar, pois os deportistas terán que completar un percorrido de ultra distancia combinando seccións de BTT, Trekking, kaiak, escalada e algunha outra proba especial. En total un 200 Km aproximadamente (dependendo da destreza que cada un demostre na técnica de orientación) nun máximo de 26 horas cunha parada obrigatoria de 5 horas de pernoita no monte.
O itinerario é libre entre un punto de control e outro, polo que a habilidade no manexo do mapa e o compás, por unha banda, e a resistencia física, por outro, serán factores fundamentais para alcanzar os mellores resultados.
Espérase unha participación de ao redor de 60 equipos provenientes de toda a xeografía española que atoparán en Val Miñor e Serra da Groba un terreo de xogo idóneo para a práctica deste deporte. O club Aromon de Pontevedra, con máis de 30 anos de experiencia participando e organizando actividades no medio natural, elixiu a zona polo seu gran potencial para o deporte de aventura e orientación, polos seus contrastes, a extensión das súas áreas de medio natural, con lugares recónditos e sen pegadas da civilización e á vez moi próximos a importantes e preciosas vilas como Nigrán, Baiona ou Gondomar. Un terreo con moito que ofrecer aos corredores.
Para aqueles que queiran iniciarse na disciplina haberá unha categoría denominada Orienta- raid con percorridos moderados e flexibilidade na composición dos equipos.
Toda a información sobre o evento pódese atopar nas páxinas web do club Aromon, da Federación Galega de Orientación e da Federación Española de Orientación: (www.aromon.es www.fegado.es www.fedo.org ).