spot_img
InicioVigo e áreaVigoA vella estación de tren de Redondela modernizarase cunha inversión de 3,7...

A vella estación de tren de Redondela modernizarase cunha inversión de 3,7 millóns de euros

a-vella-estacion-de-tren-de-redondela-modernizarase-cunha-inversion-de-37-millons-de-eurosO subdelegado do Goberno, Abel Losada, visitou a terminal acompañado da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, e anunciou actuacións de mellora nas plataformas, no edificio de viaxeiros e na praza da estación.

Revista Cousas de nº21

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou hoxe que o Executivo destinará 3,67 millóns de euros dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a renovación e mellora da accesibilidade da estación de tren de Redondela. Fíxoo no marco dunha visita á terminal ferroviaria acompañado da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) vén de sacar a licitación este contrato que prevé a creación de dúas novas marquesiñas, na plataforma 2 e na embocadura do paso inferior da plataforma 1, así como a instalación de novos puntos de luz, pavimentos, equipamentos e sinalizacións. Así mesmo, equiparase o novo paso inferior de ascensores con iluminación e vixilancia. No edificio de viaxeiros, proxéctase a renovación do vestíbulo, do teito, dos aseos, da iluminación exterior e da fachada de acceso ás plataformas, a substitución das luminarias actuais por luminarias de baixo consumo e o tratamento integral de paredes, chans e carpinterías. O subdelegado explicou que o proxecto tamén prevé a reorganización deste espazo mediante a creación dun paso directo entre a praza da estación e as plataformas. Ademais, nas actuais oficinas de venta de billetes sen uso, crearanse novos aseos, accesibles para persoas con mobilidade reducida.

Losada informou de que se contempla tamén unha reordenación da praza da estación, creando unha nova zona de aparcamento, unha bolsa de taxis e delimitando a zona do paso de peóns. Amais, reservarase unha praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e outra disporá dun punto de carga eléctrico. Por último, planease tamén substituír os pavimentos da praza, rehabilitar o sistema de saneamento, que actualmente atópase en mal estado, e renovar tanto a iluminación e os rótulos do exterior.

“Unha inversión que transformará este edificio e a súa contorna e que evidencia, unha vez máis, como os fondos europeos están chegando a todos os concellos da provincia e transformándoos en tódolos eidos, entre eles a mellora das infraestruturas que serven ao transporte público como é o caso”.

Pola súa banda a alcaldesa amosou a súa satisfacción por este proxecto que agora se licita e que servirá “para que a estación histórica de Redondela, que é moi utilizada pola cidadanía, conte cunhas instalacións modernas e accesible para todos e todas”. Por outra banda incidiu tamén na necesidade de mellorar a estrada de acceso á estación e lembrou que o Concello “leva anos demandando á Adif a reparación desta estrada, que é moi utilizada tanto pola veciñanza que se achega á estación como polos traballadores e traballadoras da factoría que se atopa ao seu carón”.

O proxecto de reforma da estación de Redondela é unha actuación complementaria ás obras de renovación integral do tramo entre Redondela e Vigo-Guixar e as súas estacións, nas que o Goberno investirá 14,1 millóns de euros. Un proxecto que prevé, entre outras melloras nas instalacións redondelás, a construción dunha nova plataforma e marquesiña central, así como dun novo paso inferior entre plataformas.

- Publicidade -spot_img