spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA vangardista 'aperta' da escultora Soledad Penalta ocupa desde hoxe o emblemático...

A vangardista ‘aperta’ da escultora Soledad Penalta ocupa desde hoxe o emblemático espazo da escalinata central da Deputación

A vangardista 'aperta' da escultora Soledad Penalta ocupa desde hoxe o emblemático espazo da escalinata central da DeputaciónSoledad Penalta: “Simboliza unha gran aperta, unha gran acollida e o desexo desta institución de axudar aos municipios e comarcas que integran a provincia

A vangardista aperta da escultora Soledad Penalta destinada aos concellos e á veciñanza da provincia ocupa dende hoxe o emblemático espazo da escalinata interior central do Pazo da Deputación. “Esta escultura representa o mellor da sociedade” asegurou a presidenta Carmela Silva no acto de inauguración da obra ao referirse a que simboliza “un mundo local con inmensa capacidade de transformación” e racha coa histórica “preponderancia masculina nas institucións, amosando unha forma diferente de ver o mundo, a provincia e a Deputación que temos que construír, onde as mulleres ocupen todo o espazo público”. O acto, que contou coa escenografía dun pano vermello que se descolgou para descubrir a obra, foi presidido por Carmela Silva, acompañada da propia artista Soledad Penalta, do vicepresidente, Cesar Mosquera, e das deputadas e deputados do goberno.

A presidenta provincial lembrou que “ata agora a historia da Deputación de Pontevedra escribiuse con nome de home, non hai máis que ir á Sala de Comisións para afirmar que aquí o masculino tiña unha enorme preponderancia”. Deste xeito, recordando amais que este ano se cumpre o 185 aniversario da constitución da Deputación e o 130 da finalización do edificio do Pazo, “quixemos facer un xesto de transformación, xa visible nas decisións políticas e accións que desenvolvemos, e situar nun lugar emblemático do Pazo provincial unha escultura que simboliza aos concellos da man dunha muller, dunha das grandes artistas galegas, Soledad Penalta, que vai quedar aquí para sempre”.

A peza, de preto de 100 quilos de peso e 2,7 metros de alto por 2,10 de ancho, simula, como explicou a súa autora Soledad Penalta, “unha gran aperta, unha gran acollida e o desexo desta institución de axudar aos municipios e comarcas que integran a provincia”. Está elaborada en aceiro inoxidable e inclúe o nome de todos os concellos e comarcas manuscrito pola escultora en cintas metálicas que caen, tal e como detallou, “de xeito dinámico, con movemento e sen forzar, formando esa cascada que simboliza a protección desta administración, e con son, como asubíos do vento cara o progreso, para ir cara adiante”.

Soledad Penalta, escultora especializada en obras de aceiro e metal, leva case 40 anos de traballo nas súas costas tras recibir formación na Coruña, Barcelona, Italia e, entre outros lugares, Estados Unidos. Trátase dunha das poucas mulleres artistas da súa xeración que traballou na obra pública, realizando pezas de gran formato e empregando materiais pesados como o aceiro ou o ferro. Ten participado en exposicións individuais e colectivas en Galicia, París ou Florencia. Na nosa comunidade podemos atopar pezas súas en lugares públicos como o parque escultórico da Torre de Hércules ou o paseo marítimo de Baiona.

- Publicidade -spot_img