A presidenta da Fundación Mulleres por África, FMxA, e exvicepresidenta do Goberno Mª Teresa Fernández de la Vega, e o reitor en funcións da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron este martes dous convenios de colaboración que facilitarán a chegada a Vigo de estudantes africanas para realizar nesta institución académica os seus estudos de posgrao.
É a primeira medida dun acordo xeral que ten por obxecto contribuír a mellorar o desenvolvemento de África e realizar esforzos conxuntos para o deseño e implementación de proxectos e programas destinados a potenciar o empoderamento das mulleres africanas a través de programas de formación, educación, comunicación, emprendemento, ciencia e investigación.
“A visita de Mª Teresa obedece a unha colaboración específica cun proxecto que para nós é moi importante e que pensamos que cadra perfectamente co adn desta Universidade, que fala do noso convencemento de que hai que empregar o coñecemento para facer un mundo mellor”, explicou Mato, que se amosou “tremendamente satisfeito”, de que a Universidade poida “contribuír con este pequeno gran de area a que as mulleres de África, un elemento imprescindible para que ese continente teña futuro, teñan ferramentas para poder construír ese futuro con garantías”.
As primeiras estudantes chegarán co novo curso e traballarán en RSC e Enerxía
O vindeiro curso académico chegarán as dúas primeiras estudantes africanas e a expectativa é, segundo explicaron os asinantes, que sexan as primeiras dunha longa listaxe de visitas internacionais. A Universidade comprométese, segundo se establece no convenio asinado, a asumir os custes matrícula, así como de viaxe, residencia, manutención e seguro sanitario, e a fundación encargarase da elaboración e difusión da convocatoria anual das bolsas, a identificación e preselección das candidatas africanas, a emisión de visados para estudantes a través das embaixadas correspondentes e a realizar un seguimento e avaliación do impacto do programa nas estudantes durante a súa execución e tras o retorno destas mulleres aos seus países de orixe.
“Polo miña banda agradezo enormemente a oportunidade que nos brinda esta Universidade ao unirse a Learn Africa, un dos nosos programas máis queridos e importantes”, explicou Fernández de la Vega, quen recalcou o feito de que “nada produce máis progreso que a transferencia de coñecemento”, ao que engadiu que se trata de darlles a estas mulleres medios para que poidan saír adiante. “O importante é a adquisición de capacidades persoais para que elas poidan tomar as súas propias decisións en liberdade e contribuír así ao desenvolvemento dos seus países”, apuntou a presidenta da fundación, quen adiantou que nestes intres xa asinaron convenios con 35 universidades públicas españolas, o que vai permitir que o curso que vén sexan xa 53 as alumnas que veñan a España cunha bolsa da fundación.
“Sacamos as prazas a concurso en todas as universidades africanas e o ano pasado, cando sacamos 35 prazas, recibimos máis de 600 solicitudes, o que pon de manifesto o enorme interese que está a xerar o programa”, recalcou Fdez de la Vega, quen adiantou que as dúas bolsas que se ofrecen para Vigo están dirixidas unha ao ámbito da responsabilidade social corporativa e, a outra, ao da enerxía, “un dos grandes retos deste continente”. Non se trata, a xuízo da presidenta da fundación, “só dunha cuestión de xustiza social, senón tamén estratéxica, porque para Europa e, para España especialmente, é moi importante manter unhas boas relacións con este continente”.
Felicitacións para Pachi Reigosa e o seu equipo
No día despois da intensa xornada electoral vivida este luns na Universidade de Vigo o xa reitor en funcións, Salustiano Mato, quixo aproveitar para felicitar ao seu sucesor no cargo, Pachi Reigosa, e desexarlle “a mellor das sortes, como non podía ser doutra maneira”, ao que engadiu que “estou seguro de que o mellor para o novo equipo será o mellor para a Universidade e, nese sentido, xa acordamos que, en canto os resultados sexan definitivos, nos poremos a traballar para elaborar a senda do relevo”. Por outra banda, confirmou que, no mes que lle queda por diante como reitor en funcións, seguirá exercendo como tal, “traballando en todo momento, facendo todo o que haxa que facer para que a Universidade non pare”.
As felicitacións para o reitor saínte, Salustiano Mato, chegaron da boca da exvicepresidenta do goberno. “Quería aproveitar a miña presenza aquí para felicitarte polo traballo que realizaches ao longo destes oito anos, un traballo do que xa oíra falar e vira cousas pero que hoxe puiden comprobar cun pequeno percorrido polo campus, unha visita da que marcho fascinada”, recalcou Fdez de la Vega, que se referiu á Universidade de Vigo como “un proxecto integrador, innovador e moi moderno”.



