
O Proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e a súa contorna foi galardoado co Premio de Patrimonio Europeo/Premio Europa Nostra 2019 na Categoría de Conservación
O xurado eloxiou este proxecto como un “exemplo moi salientable de conservación e coidadosa recuperación de escultura en pedra policromada nunha obra de fundamental importancia na Escultura románica”.
En palabras de José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié “con este proxecto a Fundación Barrié reafirma o seu histórico e sólido compromiso co Patrimonio de Galicia, tanto material como inmaterial, desenvolvendo e apoiando iniciativas encamiñadas á súa posta en valor e conservación. O proxecto súmase a outros tan relevantes como a catalogación arqueolóxica e artística de Galicia; a recuperación do coro pétreo do Mestre Mateo; a reprodución en madeira dos instrumentos do Pórtico ou a publicación dos Cancioneiros”.
Os premios Europa Nostra promoven as mellores prácticas relacionadas coa conservación do patrimonio, a xestión, a investigación, a educación e a comunicación. Deste xeito, o programa de premios contribúe a un meirande recoñecemento público do patrimonio cultural como un recurso estratéxico para a sociedade e a economía de Europa.
“Estou moi orgulloso de felicitar a todos os gañadores dos Premios de Patrimonio Europeo/Premios Europa Nostra 2019. Estes heroes do patrimonio – profesionais e voluntarios de toda Europa- acadaron algo realmente asombroso. O seu traballo para restaurar, preservar, apoiar ou promocionar os monumentos e sitios do patrimonio europeo, así como o patrimonio intanxible de Europa, é dunha altísima calidade. Estes Premios son unha proba do tremendo impacto que teñen os proxectos de patrimonio na nosa economía, a nosa contorna, a nosa cultura e a nosa calidade de vida. O patrimonio europeo é un activo chave para o futuro de Europa e da nosa prosperidade. Esta é unha mensaxe importante para toda a cidadanía da Unión Europea e para os futuros líderes das institucións da Unión Europea que serán elixidos nas vindeiras eleccións europeas”, sinalou Plácido Domingo, Presidente de Europa Nostra.
Saber máis: A Fundación Barrié e a Fundación Catedral de Santiago presentan o Pórtico da Gloria tras a sús restauración
Un proxecto de investigación e multidisciplinar baseado no rigor e na excelencia
Desde o seu inicio púxose especial énfase na investigación e na transversalidade, contando con especialistas de todos os campos e poñendo en práctica as cartas de protocolo dos organismos internacionais como ICOMOS, ICCROM, ICOM que velan pola excelencia e as boas prácticas nas intervencións.
Tamén supuxo unha oportunidade de excepción para profundar no coñecemento desta obra e da arte románica en xeral, así como nos procesos de deterioración que afectan aos conxuntos de pedra policromada, poñendo a punto criterios de intervención e metodoloxías de traballo que unha vez sistematizados poderán servir de modelo para outras actuacións.
O proceso de restauración desenvolveuse en varias fases, iniciándose no ano 2009 os estudos e diagnóstico que permitiron a redacción dunha proposta de intervención. En 2015 completouse a montaxe da estada para poder acceder a todos os relevos do nártex, abordando a intervención directa sobre os materiais.
Desde o seu inicio o proxecto apostou pola investigación e a súa duración no tempo permitiu atraer numerosos especialistas nacionais e internacionais de todas as disciplinas, que achegaron a súa experiencia para profundar no coñecemento de diversos aspectos como as diferentes etapas construtivas, as transformacións do espazo, o seu uso, significación, programa iconográfico, os materiais empregados para a talla, as técnicas decorativas utilizadas para o policromado e a adaptación da súa estética a través dos séculos.




