A institución presta fotografías, correspondencia, libros da biblioteca da escritora, obras de arte e obxectos persoais da escritora á mostra que poderá verse en Madrid e A Coruña dentro da programación do centenario do seu pasamento. As pezas achegadas pola RAG representan en total un terzo das que se verán na exposición
A Real Academia Galega participará na exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad achegando case un terzo das 219 pezas que a conforman. A institución prestará libros, fotografías, correspondencia, obras de arte ou obxectos persoais da autora, ata un total de 71 pezas, á mostra que poderá verse a partir do 8 de xuño na Biblioteca Nacional de España (Madrid), e que chegará o 22 de outubro á Coruña. A colaboración nesta exposición insírese no programa de conmemoración do centenario do pasamento de Pardo Bazán da RAG, que custodia boa parte do arquivo e a biblioteca persoal da escritora. A Academia organiza ademais o Congreso internacional “Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois”, que se celebrará tamén a finais de outubro na Coruña e Santiago de Compostela; e acollerá ata decembro, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, oito encontros con mulleres referentes nos seus respectivos campos profesionais, nun ciclo programado da man do Concello da Coruña.
O presidente en funcións da RAG, Henrique Monteagudo, participou hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña na presentación da programación do centenario de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 – Madrid, 1921) canda o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Román Rodríguez e Anxo Lorenzo; a comisaria da exposición Emilia Pardo Bazán, el reto de la modernidad, a catedrática da Universitat de València e biógrafa da autora, Isabel Burdiel; o viceconselleiro de Cultura da Comunidade de Madrid, Daniel Martínez; a directora xeral da Biblioteca Nacional de España, Ana Santos Aramburo; o director do comité científico do Congreso Internacional “Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois”, o catedrático emérito da USC e académico correspondente José Manuel González Herrán; o reitor da UDC, Julio Abalde; o primeiro tenente de alcalde da Coruña, Juan Ignacio Borrego; e a condesa de Pardo Bazán, María del Carmen Colmeiro.
Henrique Monteagudo expresou a satisfacción da Real Academia Galega, como legataria e custodia dunha parte moi importante do legado de Emilia Pardo Bazán, polo esforzo conxunto que están a facer distintas institucións, tanto locais e autonómicas como estatais, para estaren á altura da celebración malia as “circunstancias difíciles” que se viven por mor da pandemia. “Dende a RAG queremos contribuír a que a conmemoración chegue a un amplo espectro da sociedade. Achegaremos un número importante de pezas á exposición promovida pola Biblioteca Nacional de España e contribuiremos ao debate intelectual arredor da escritora e á difusión do seu pensamento a través de distintos foros, cunha atención especial á ollada feminista da que Emilia Pardo Bazán foi unha pioneira”, salientou Henrique Monteagudo.
Exposición
A exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad amosará, xunto a fondos da Biblioteca Nacional de España, outras doce institucións e cinco prestadores particulares, pezas senlleiras da biblioteca e o arquivo da RAG, e mais a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán cedidas para a ocasión pola Real Academia Galega. Entre elas poderán verse manuscritos e mecanoescritos con correccións feitas á mans pola autora, como o orixinal de Selva [1913], a novela que deixou incompleta e inédita; o tamén incompleto “Apuntes para el absolutismo: teorías de gobierno: sistemas”, un texto de teoría política iniciado en 1877, onde a escritora pretendeu dotar de armazón filosófica o carlismo; numerosas fotografías, varias cartas autógrafas de Pardo Bazán adquiridas polas RAG e obras da súa biblioteca persoal, tanto títulos propios en versión orixinal como traducións como A Wedding Trip e The Swan of Vilamorta, publicadas en Estados Unidos en 1891 e que dan conta da presenza internacional que acadou; xunto a volumes doutros autores como La Terre (1887) de Zola, claro expoñente do naturalismo que tanto influíu en Pardo Bazán.
Dende a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a Real Academia Galega achega tamén á mostra vinte e cinco pezas, a maioría pinturas destacadas. Poderán verse, entre outras, o retrato da nai de Emilia Pardo Bazán, Amalia de la Rúa, pintado por Sorolla; ou os retratos de Joaquín Vaamonde da autora e dos seus fillos, Jaime, Carmen e Blanca, xunto ao cadro do mesmo autor que recrea a entrada de Emilia Pardo Bazán no Ateneo de Madrid. Vaamonde, autor da Xeración Doente, tivo como mecenas á propia Pardo Bazán, que o converteu no protagonista da novela La Quimera. Tamén formarán parte da exposición outras pezas da casa-museo como un cofre xoieiro estilo Luís XVI ou unha virxe do leite do s. XIV-XV en pedra policromada



