spot_img
InicioGaliciaA RAG estrea a serie web ‘Luísa Villalta: a rebelión da palabra’,...

A RAG estrea a serie web ‘Luísa Villalta: a rebelión da palabra’, un retrato coral sobre a autora que conmoveu para transformar

a-rag-estrea-a-serie-web-luisa-villalta-a-rebelion-da-palabra-un-retrato-coral-sobre-a-autora-que-conmoveu-para-transformar
Equipo da serie

Entre os materiais de arquivo, a serie rescata a voz de Luísa Villalta cantando co grupo Escaino e o son do seu “violino”. A banda sonora avanza ademais un novo tema do dúo compostelán de electrónica-soul Aparato, “Amor disxunto”, baseado nun poema da autora e conta tamén coa violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi e Óscar Silva

Revista Cousas de nº21

A Real Academia Galega estrea hoxe ás 10 horas na súa canle de Youtube e en academia.gal Luísa Villalta: a rebelión da palabra, a serie web sobre a autora á que lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas. O documental, dirixido por Damián Varela Pastrana, consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa, unha creadora que -coinciden os entrevistados- cultivou a escoita para entender o mundo e concibiu a literatura como unha forma de transformalo a través da emoción. “A literatura sempre é unha actitude política porque sempre é comunicación. E como sempre é comunicación, quere, desexa conmover, e todo o que conmove transforma”, expresa a propia Villalta (A Coruña, 1957-2004) nun dos materiais do arquivo da CRTVG que incorpora a produción.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG: “Esta é seguramente a serie das Letras Galegas máis ambiciosa, cun marcado ton autoral e artístico, moi acorde coa figura de Luísa Villalta

O impulso destrutor / da vida / oferécenos o / medo / como refuxio / único, / mentres / dá cabo / ao seu / traballo / inevitábel. / Mentres, o sosego / da espera, / a emoción da / observación, / a rebelión / oportuna. / A palabra, escribiu a autora semanas antes do seu pasamento no almanaque poético no que estaba a dialogar con poemas de autores universais, publicado postumamente baixo o título As palabras ingrávidas (2020). “Estes versos inspiran o nome da serie e condensan a confianza de Luísa Villalta na capacidade transformadora da literatura. E esa esencia dela queda perfectamente captada nesta narración audiovisual”, salienta o presidente da Real Academia Galega. “É un relato que transmite e fai sentir o enorme impulso creativo, a gran curiosidade intelectual, a sensibilidade artística e claro sentido da xustiza da escritora que celebramos este 17 de maio”, engade Víctor F. Freixanes.

A RAG confiou un ano máis en Miramemira -produtora d’O que arde e d’O corno- a realización do documental sobre a figura protagonista da gran festa da cultura galega. A cuarta serie das Letras Galegas da Academia (a primeira foi a do Ano Xela Arias) “é seguramente a produción máis ambiciosa, cun marcado ton autoral e artístico, moi acorde coa figura homenaxeada”, valora o presidente.

Xunto aos testemuños recollidos, a narración -con guión de Alba Álvarez López- compleméntase coas contribucións artísticas doutros profesionais do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas que a arrequecen con recitados, música, danza e mesmo unha adaptación dunha das obras teatrais da escritora, Os dóces anos da guerra (2001). Todos estes elementos contribúen a crear unha atmosfera que recrea “un achegamento á filosofía ou forma de ver a vida de Luísa Villalta”, expresa Damián Varela Pastrana. O proxecto levouse a cabo co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Son en total case dúas horas de cinema documental que arrincan da man da irmá de Luísa Villalta, Susana, e a súa nai, María Gómez, e que avanzan cos testemuños de amizades e voces da cultura como Pilar Pallarés, Eva Veiga, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernán-Vello ou as académicas Ana Romaní e Margarita Ledo Andión. No derradeiro episodio intervén Maribel Longueira, a fotógrafa coa que Villalta concibira o poemario Papagaio (2006), unha denuncia da explotación sexual das mulleres e da especulación urbanística arredor do barrio coruñés do mesmo nome. “Luísa anticípase aquí a unha poesía que se vai facer despois, dentro do movemento feminista, e amósalle ao público unha realidade oculta”, expresa Francisco Fernández Naval, autor do prólogo deste volume, saído do prelo dous anos despois do pasamento de Villalta.

Ese “desexo de escoita” -expón a académica Ana Romaní- emerxera especialmente a partir de Ruído (1995), un libro que marca “un antes e un despois”, coincide Pilar García Negro. “En Ruído ela atópase cun mundo na rúa bastante triste, un mundo difícil, pero ela cre que hai unha posibilidade de salvación que é a muller e a poesía”, analiza Eva Veiga. Mais ese pararse a escoitar de Villalta acada a súa máxima expresión dende En concreto (2004) -editado tamén postumamente- “con ese así vou eu, formando parte”, concreta Pilar Pallarés. “Formar parte dos outros, eu creo que esa é a gran loita na obra de Luísa. A partir de En concreto a poesía de Villalta lánzase ao mundo dos outros, á contracidade, unha A Coruña, a Cidade Alta, que é a cidade popular, a dos barrios, todo o contrario da cidade oficial. E o máximo da descuberta desa contracidade, da contrahistoria, do contralema é o seu derradeiro libro, Papagaio, a cidade das grandes marxinadas”, afonda a poeta coruñesa, compañeira de xeración de Villalta.

Unha banda sonora de e para Luísa Villalta, teatro e danza

Malia dedicarse profesionalmente á docencia -foi profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario- e decantarse pola escritura, Luísa Villalta, titulada superior en violín, nunca abandonou a música. Esta é a protagonista destacada das súas primeiras obras -o monólogo teatral Concerto para un home só (1989) e o poemario Música reservada (1991)-, e do rigoroso ensaio O outro lado da poesía, a música (1999), no que debulla a relación entre literatura e música ao longo da historia da cultura galega. E a música e tamén o eixe do episodio 2, Melodía, onde se rescata a voz da autora cantando unha versión do poema “Chora fame”, do poeta caboverdiano Gabriel Mariano, e o son do seu “violino” -como ela o chamaba- con Escaino, o grupo de folk do que formou parte entre finais dos anos 70 e primeiros 80 do século pasado.

A banda sonora conta ademais coa violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi, Óscar Silva e o dúo compostelán de electrónica-soul Aparato (Chus Silva e María Caramés), que avanza na serie o tema “Amor disxunto”, no que lle pon música a un poema de Música reservada.

As artes escénicas emerxen na curtametraxe in medias res baseada na obra teatral de Villalta Os dóces anos da guerra, interpretada no capítulo 4 polas actrices de dobraxe Susana Leis e Cristal Lázare. As artes plásticas intégranse a través da colaxe que abre o episodio 5, creación da guionista da serie; e a danza e a dramaturxia son a cerna do derradeiro episodio, escrito en colaboración coa dramaturga e investigadora teatral Gena Baamonde (gañadora do Premio María Casares á mellor dirección por Elisa e Marcela, obra gañadora tamén do Premio Luísa Villalta para Proxectos Culturais pola Igualdade 2017) e mais a bailarina e intérprete Andrea Quintana. Esta última é a encargada, xunto coa poeta Nuria Vil, da interpretación que ten como escenario a paisaxe urbana da Coruña. “Queriamos comprender o que supuxo a cidade para Luísa, atendendo as pistas que a autora nos deixou na súa obra. Luísa foi unha poeta e escritora da cidade, algo non tan común na nosa literatura, e tratamos de deixar moi clara esta idea”, comenta o director Damián Varela Pastrana.

Entrevistados

A serie conta cos testemuños de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada; Rubén Anido e Manuel Pérez, alumnos de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada; autoras e autores que a coñeceron de preto e outras amizades e persoas que estudaron ou editaron parte da súa obra: Pilar Pallarés, Marga do Val, Ana Pillado, Xurxo Souto, Xosé Luís Martínez Pereiro, Estíbaliz Espinosa, Xosé María Álvarez Cáccamo, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Maribel Longueira, Francisco X. Fernández Naval, Armando Requeixo, Alexandrina Fernández Otero, Inma Otero, Pilar García Negro, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Susana Sanches Arins, Lorena Conde e Inés Salvado.

a-rag-estrea-a-serie-web-luisa-villalta-a-rebelion-da-palabra-un-retrato-coral-sobre-a-autora-que-conmoveu-para-transformar
Marga do Val

A produción contou coa colaboración de distintas institucións e particulares na cesión de material de arquivo como a CRTVG, os fotógrafos Xoán Piñón, Xosé Abad e Xurxo Lobato, o Centro Ramón Piñeiro, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda ou Teatro Proscrito, e especialmente a familia de Luísa Villalta.

Divulgación na Rede dende a etapa infantil

A serie poderá verse na sección das Letras Galegas 2024 de academia.gal, onde a RAG reúne distintos contidos divulgativos sobre Luísa Villalta, como a biografía que asina a académica de número Ana Romaní, as Palabras de Luísa Villalta ou novas sobre a celebración do Día das Letras Galegas 2024 cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento.

A institución ofrece ademais para o público máis novo o portal primaveradasletras.gal. Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores do conto biográfico, titulado Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, no que achegan de maneira lúdica a xente miúda á escritora. Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil do país dende a década dos anos 70 -recoñecidas con distintos galardóns-, traballou poñéndolle imaxes á historia o Premio Nacional de Ilustración Óscar Villán. Na mesma páxina web atópanse actividades interactivas arredor do universo vital e literario de Luísa Villalta, fichas para colorear e ligazóns de interese, e proximamente publicarase a nova edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras.

- Publicidade -spot_img