spot_img
InicioVal MiñorNigránA praia de Patos acolle esta semana o Campionato de España de...

A praia de Patos acolle esta semana o Campionato de España de Surf Adaptado e a Copa Concello de Nigrán

a-praia-de-patos-acolle-esta-semana-o-campionato-de-espana-de-surf-adaptado-e-a-copa-concello-de-nigranA praia de Patos volve a ser durante toda esta semana un exemplo para todo o país do verdadeiro surf universal

Revista Cousas De Nº19

O areal acolleu esta mesma mañá o trofeo ‘Concello de Nigrán’ de Surf Adaptado (participaron 14 persoas con discapacidade intelectual) e a presentación do Campionato de España de Parasurf que se celebra ata o sábado 28 de Outubro e que está dividido en 7 categorías segundo o tipo de discapacidade física. Esta proba nacional celébrase xusto antes do Campionato Mundial que terá lugar a vindeira semana en California e volve a traer a Patos a moitos dos deportistas españois seleccionados para ir a EEUU: Sarah Almagro, marbellí amputada aos 18 anos de mans e pés e referencia internacional neste deporte; Daniel Muller, canario de orixe alemá sen mobilidade nas pernas; Audry Pascual, surfista madriñeña sen mobilidade nas pernas e referente tamén no ski; e o galego Dani Souto, con discapacidade visual e campión de Europa. A novidade é que se desenvolverá desde mañá e ata o sábado 28, adaptándose o día e hora das diferentes mangas ás condicións do mar co obxectivo de que todos os inscritos poidan competir.

O evento deportivo, presentado este mediodía no propio areal, está promovido desde Quenlla Surf Clube (único clube galego adicado ao parasurf e con sede en Nigrán), Federación Galega e Española de Surf, Xunta e Concello de Nigrán como parte do seu programa de accesibilidade universal ‘Un Nigrán para todos’ . Ademais, colabora Nasas Nigrán, Aqualia e Fundación Bimba y Lola.

“Patos é xa sinónimo de inclusión e diversidade ao acoller 3 dos 4 campionatos de España realizados ata agora. Esta competición nos ofrece cada ano unha lección de vida e de superación. Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano”, explica o alcalde, Juan González, quen ao atoparse fora de España como presidente do Fondo Galego de Cooperación estivo representado pola concelleira de Deportes, Sara Penedo. “O surf demostra que rompe barreiras e para nos é un orgullo que sexa, precisamente, en Patos”, indicou a edil na presentación.

Deste xeito, Patos acollerá a 30 surfistas chegados de todo o país con diversas discapacidades físicas e agrupados en diferentes categorías atendendo a súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a ola sentados ou tumbados…)… “Cada un deles nos dá leccións de vida moi positivas e necesarias para todos”, engade González. Todos se aloxarán gratuitamene na Residencia de Tempo Libre.

“O deporte trasmite valores como o sacrificio, tesón, constancia… e no caso do adaptado máis”, considera Luis Pena, presidente de Quenlla Surf e promotor do campionato. Precisamente, na ‘Copa Concello de Nigrán’ participaron 6 dos seus deportistas con discapacidade intelectual e no Campionato de España estará presente David Mella, mozo tomiñés de 32 anos que hai menos de 2 anos quedou tetrapléxico nun accidente de bicicleta e, a día de hoxe, é unha gran promesa do parasurf nacional e subcampión do mundo de paracanoe (antes do accidente xa practicaba piragüismo).

“A aposta da Federación é absoluta e, de feito, agora mesmo somos un exemplo para outros países, eles ven cara nos como referencia do surf adaptado. Somos campións do mundo e de Europa e sabemos que no ano 28 ou 32 vai a ser declarado olímpico”, asegurou Lourenço Chaves, o xerente da Federación Española de Surf.

“O mar é terapéutico en si mesmo e, grazas á visibilidade deste campionato, rompemos moitas barreiras e se anima moita xente con discapacidade a probar no mundo do surf”, indicou Dani Souto.

a-praia-de-patos-acolle-esta-semana-o-campionato-de-espana-de-surf-adaptado-e-a-copa-concello-de-nigran

Ao acto de presentación tamén acudiu o secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa e a a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra. O Secretario Xeral recordou que o “primeiro Campionato de España foi en Cantabria sen deportistas galegos e, sen embargo, transcurrido o tempo agora se celebra en Galicia coa presencia de moitos deportistas da comunidade.”

Pola súa banda , Marta Fernández-Tapias, destacou que estes eventos, que se celebran na praia de Patos, “referencian á provincia no ámbito deportivo e especialmente no da inclusión”. “Volver ser o escenario destas citas que reúnen aos mellores deportistas de Galicia e de España do surf adaptado significa que cando se trata de organizar eventos de nivel, esta provincia responde –subliñou-. A vicepresidenta amosou o firme compromiso da Deputación de Pontevedra co deporte e animou aos participantes a desfrutar ao longo da semana non só da actividade no mar, senón tamén “destes días de convivencia”. “Pontevedra é desfrutar –indicou- e estamos orgullosos de poder acollervos”.

- Publicidade -spot_img