spot_img
InicioVal MiñorBaionaA praia da Cuncheira de Baiona converteuse a finais do século XIX...

A praia da Cuncheira de Baiona converteuse a finais do século XIX no lugar idóneo no que erguer un balneario

a-praia-da-cuncheira-de-baiona-converteuse-a-finais-do-seculo-xix-no-lugar-iFronte ao mar embravecido, a iodada praia da Cuncheira de Baiona, onde “entre algas y flores, brotan los más puros y castos amores” converteuse a finais do século XIX no lugar idóneo no que erguer un balneario.

*Texto e fotos de: Anxo Rodríguez Lemos

a-praia-da-cuncheira-de-baiona-converteuse-a-finais-do-seculo-xix-no-lugar-i

O verdadeiro visionario de negocio naquel extremo da vila, xa en xuño de 1892, foi o baionés Manuel González Durán, primeiro en solicitar permiso ante o Concello para a instalación dun quiosco octogonal de catorce metros de circunferencia co fin de vender refrescos e outras bebidas na “plazueleta que denominan Combés”. A Cuncheira comezaba a encherse de vida baixo lonas.

En agosto daquel ano, novamente ante a corporación, comparece o cirurxián Ignacio Cordero Alonso solicitando autorización para a instalación no areal dun “sistema adecuado de casetas y más para el buen servicio e higiene de los bañistas”. Na mesma sesión deuse conta doutra solicitude de Don Ángel Montes Gándara, veciño de Santa Cristina da Ramallosa, recollendo a súa petición dun terreo na Cuncheira no cal construír un balneario. Víase vir o éxito! En setembro, a corporación abstense e deixa en mans do alcalde Don José Pérez Velasco e do Axudante de Mariña, o seu parecer ao respecto. Concedeuse finalmente licenza en outubro de 1892 para unhas 20 casetas portátiles “una grande para seis departamentos independientes destinada a baños calientes y duchas de agua salada y una galería para recreo de los bañistas”.

Adiós Cuncheira queridiña,

algas, augas e canto tes,

cheguei xunto a ti tullidiña

e vou sana polos meus pés.

A autorización real, outorgada a 8 de setembro de 1893, sería publicada na Gaceta de Madrid o día 13. En ela, a Raíña Rexente outorga permiso a Ignacio Cordero para instalar un balneario que sería de madeira, con carácter permanente, na praia da Cuncheira. Chegara tarde, El Lucense informaba xa en xuño de 1893 do remate “de una magnífica casa de baños con sala de hidroterapia, casetas y un amplio pabellón de sombra para descanso y recreo”[1].

a-praia-da-cuncheira-de-baiona-converteuse-a-finais-do-seculo-xix-no-lugar-i
Recollendo algas

Grazas a anuncios litografiados promocionábase o novo establecemento de “pilas de mármol para baños fríos y calientes con algas crudas, frescas o hervidas”[2]. Sen prazo limitado pero respectando as servidumes para salvamento e vixilancia da costa, para a obra, fora necesario depositar en concepto de fianza 300 pesetas, devoltas logo do visto e prace do Inspector Xefe da provincia. Cordero asociaríase con Agapito Ordóñez Ochoa, entrando ambos de cheo nos postulados hixienistas da mediciña e do redescubrimento do mundo natural do século XIX (Novo Malvárez,2011). O proceso da preparación dos baños en algas era complicado. Recollíanse na beira, a man ou coa axuda dun clamoeiro, para logo fervelas nunha caldeira de cobre onde desprendía o iodo a mesturar con auga salgada que tamén se fervía e se botaba por enriba dos bañistas a temperatura adecuada. Habíaos que querían a auga limpa e coada, outros preferíana coas algas por crela deste xeito mellor para a pel, reuma ou nervios.

a-praia-da-cuncheira-de-baiona-converteuse-a-finais-do-seculo-xix-no-lugar-idoneo-no-que-erguer-un-balneario

 

Ábrese la casa de baños de cinco a seis de la mañana y allí pueden concurrir los madrugadores, que ya desde esas horas encontrarán completo servicio. La hora del mundo elegante y chic suele empezar de diez a una. El pago de baños puede hacerse por temporada o abono y al día, según la mayor comodidad del forastero

DE SANTIAGO, J. &NOGUEIRA ULPIANO (1902) Bayona: antigua y moderna, p.335.

Escoitouse falar das augas da Cuncheira por toda a xeografía española e o antigo arrabalde da vila creceu a base de chalets e hoteis como La Palma, Madrid, Suízo ou Roma. Dende os primeiros días de xullo e ata outubro non faltaban bañistas das familias García Villar, Rodríguez Bonín, Orio Tamames, García Campos, Cedeira Prego, Martínez Borso, Méndez Brandón, Bedriñana Álvarez, Santaló ou Charro. Fronte aos baños quentes, viña tamén moita xente en setembro a tomar os baños fríos e incluso a aproveitarse dos gratuítos que, sendo administrador Don Sebastián Pena, se ofrecían “a las clases poco pudientes”. Eran as coñecidas popularmente como poubanas en referencia a aquelas mulleres da aldea que viñan tomar os baños e que noutros lugares atendían ao calificativo de mantidas, catalinas ou canónigas.

a-praia-da-cuncheira-de-baiona-converteuse-a-finais-do-seculo-xix-no-lugar-i
Temporal de 8 de febreiro de 1979

Cuando voy a la Concheira a pasear

que tranquila y mar serena es el rumor

al sentir del Rompeolas el zumbar

yo latir con fuerza siento el corazón.

(Tradicional)

A Cuncheira garda tamén recantos tristes, de recordo dos náufragos do Aslaug ou doutros feitos.  En 1893, ao pouco de terse inaugurado o balneario, foi testemuña da liorta con apuñalamento do mozo de Borreiros Manuel Álvarez. En setembro de 1911 perece ao entrar na auga por conmoción cerebral, Manuel Fernández Rúa, veciño de San Vicente de Mañufe e, en outubro de 1938, morrería afogado, en estrañas circunstancias, o popular Don Julián Salgado Gandós. Un vello balneario, malparado polo tempo, deixaría de funcionar na década de 1970 deixando atrás un gran novenario de baños para chegarse a converter en taller de reparación de bicicletas. Un 15 de outubro de 1983 é derrubado polo Concello sendo alcalde da vila D. Benigno Rodríguez Quintas.

[1] El Lucense, 9 de  xuño de 1893., num.2589

[2] Gaceta de Galicia, 4 de xuño de 1893, num.121.

*Texto e fotografías de Anxo Rodríguez Lemos –Doctor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela- incluida no n´º17 da revista COUSAS DE Val Miñor

PARA SABER MÁIS:

AHMB, Libros de Actas. Sesións de 21/06/1892 f.26v, 28/08/1892 39r-v e 06/09/1892 40r-v.

FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, B. (2014) El reflejo del tiempo: el conjunto histórico de Baiona. Andavira Editora, Santiago de Compostela.

NOVO MÁLVAREZ, M. (2001) A orixe do turismo de sol e praia en Galicia: o caso de Baiona, en Revista de Estudos Miñoranos, nº 1, pp.75-85

SANTIAGO, J.de & NOGUEIRA, U. (1902) Bayona antigua y moderna. Imprenta del Asilo de Huérfanos del Sagrado Corazón de Jesús, Calle Juan Bravo, nº 5.Madrid.

VILAR MONTERO, ANTONIO J. (2011)  Historia de Bayona: desde tiempo inmemorial hasta nuestros días. Herederos de Antonio de Mauricio, Baiona.

 

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.