O Concello de Soutomaior ultima todos os detalles para a celebración da XXXVI edición da Festa da Ostra. Nunha edición onde o prato estrela, como cada ano, será a ostra ao natural que poderá ser consumida a través de dous postos onde poder degustar este manxar do mar, pero é que ademais, neste ano todas as persoas que visiten a festa poderán desfrutar do OsTres, unha gastro-expeciencia con sabor a paisaxe e a mar.
Nesta gastro experiencia as e os interesados terán a oportunidade de degustar a ostra cociñada con estes exquisitos pratos que se deberían degustar nesta orde: ostra mar e montaña sobre unha crema carbonara ibérica, ostra adobada en teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ovas de salmón e por último, ostra en escabeche tradicional. Uns pratos cociñados polo Calidus Catering que lidera o veciño de Soutomaior Joaquín Lema.
O prezo da ración da ostra ao natural, dunha ducia de ostras, será de 10 euros e da gastro-experiencia OsTres tamén será o mesmo, 10 euros para degustar a ostra cociñada con eses tres preparados.
Todo isto refogado cos mellores caldos do concello como son os viños albariños de Soutomaior: Noelia Bebelia, María Vinyals e Cosecheros Reunidos. O prezo da botella será de 12 euros.
As casetas da festa abrirán o sábado, 5 de abril, a partir das 12:00 h. e ofrecerán ostras ao natural e un adianto do OsTres que se servirá ao mediodía. O domingo as casetas abrirán ás 11:00 h. e ofrecerán a ostra ao natural e a gastro – experiencia OsTres ao longo de toda a xornada.
Onte o alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Réxime Interior, Diego Moreira, presentaron en que consiste a gastro-experiencia OsTres e fixeron un adianto desta XXXVI edición da Festa da Ostra. Dende o Concello de Soutomaior agardan que se consuman máis de 100 mil ostras ao longo da fin de semana e que visiten o concello máis de 30 mil persoas. Con todo, o alcalde considera que esta experiencia gastronómica “ten como obxectivo achegar novos formatos da ostra a unha cociña moderna que permita desfrutar da ostra noutras modalidades”. Pese a isto Manu Lourenzo ten claro “que a mellor experiencia da ostra e tomala e degustala ao natural co seu sabor a mar único en todo o seu esplendor e se ademais acompañamos a ostra cun viño de Soutomaior a experiencia será inigualable”.
Unha ostra que esta fin de semana terá en Arcade un prezo único no mercado onde poder desfrutar deste manxar.




