Máis de 500 persoas, camiñantes corredores e membros de Discamino, reuniranse este próximo domingo, 26 de setembro, en Vigo para camiñar pola vida na marcha «700 camisetas contra a leucemia», ao longo de 36 quilómetros ata chegar ao seu destino na cidade de Pontevedra. Esta iniciativa solidaria, que cumpre xa doce edicións, ten como obxectivo sensibilizar e informar á sociedade sobre a importancia da doazón de medula ósea e de sangue do cordón umbilical.
A saída, no Centro Comercial A Laxe de Vigo, realizarase de forma graduada desde as 9.00 h para os camiñantes e a partir das 10.00 h para os corredores e os membros do Discamino, que un ano máis participan nesta experiencia solidaria. Previamente á saída, ás 8.40 h, realizarase unha sinxela homenaxe a todas as persoas que nos deixaron e ás que loitan por volver a unha normalidade máis que desexada por todos.
Nesta edición, e dadas as circunstancias provocadas pola pandemia da COVID-19, adoptáronse medidas extraordinarias para garantir a seguridade sanitaria de todas as persoas participantes. Por este motivo, para poder facer o percorrido será obrigatorio estar vacinado ou, na súa falta, presentar unha proba PCR ou de antígenos realizada con 48 horas de antelación á realización da marcha.
Por outra banda, as persoas participantes estarán acompañadas ao longo dos 36 quilómetros de percorrido desde o Centro Comercial A Laxe e ata a Praza da Peregrina, en Pontevedra, por persoas voluntarias con vehículos e motos de apoio. Ademais habilitaranse 5 puntos de avituallamiento e un servizo de recuperación á chegada a Pontevedra.
700 CAMISETAS CONTRA A LEUCEMIA
A «Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia» é unha iniciativa solidaria que se iniciou no ano 2010 e que simboliza a primeira etapa que David Gil realizou no ano 2009 (entre Vigo e Pontevedra) e que formaba parte de 10 etapas percorrendo Galicia coa intención de entregar 700 camisetas, que irían destinadas ás persoas que a partir dese momento formasen parte do rexistro de doantes de medula ósea en Galicia. De aí xurdiu o movemento en Facebook «700 camisetas contra a Leucemia” que a día de hoxe seguen case 18.480 persoas en todo o mundo.
Cando arrincou o proxecto, en 2009, había unicamente 60.000 rexistros en España; hoxe son preto de 450.000. Un salto cuantitativo moi importante pero que segue sendo insuficiente para que as persoas que necesitan anualmente un transplante de medula teñan a posibilidade de atopar un doante compatible e salvar a súa vida. Por iso, esta iniciativa solidaria estende o seu labor ao longo de todo o ano con outras accións de concienciación e visibilidade, dando valor á acción altruísta e solidaria de moitas persoas que son ou serán doantes e que regalarán vida ás persoas que necesiten recibir un transplante.
A Asociación FRANGIL contra a leucemia, que ampara este evento, foi creada no ano 2017 e leva o nome e a positividade de Francisco Gil, que loitou durante 4 anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.



