O Santuario de San Benito de Lores é un impresionante templo de pedra que se atopa situado nun alto da parroquia de San Miguel de Lores desde o que se divisa todo o val de Meaño.
Accédese ao seu atrio por unhas escaleiras, e nel atopámonos cun palco, así como diversas construcións destinadas para a romaría que se celebra alí en honra do santo.. Ademais do impresionante templo de pedra, cabe destacar unha fonte situada ao pé das escaleiras, que se supón milagrosa.
Conta a lenda que hai moito tempo, houbo unha gran seca en Meaño. A fame empezaba a asomar nas casas, xa que as hortas estaban secas e o gando morría porque non atopaban alimento nos campos áridos. Todos pedían ao ceo que empezase a chover, pero non caía unha pinga.
Ata que un día un pastor moi preocupado polo seu gando, rompeu a rezar a San Benito. Entón o santo aparecéuselle e, dándolle a súa vara, díxolle. “Alí onde decidas cravar esta vara comezará a manar unha fonte de augas claras de onde poderedes beber ti e os teus bois, os teus veciños e todas estas terras. A cambio deberás agradecer ao Señor este agasallo levantando un templo na súa honra”. O pastor cravou entón a vara e ocorreu o que San Benito prometera: empezou a brotar auga que discorreu por todo o lugar, poñendo fin á terrible seca.
E, tal como San Benito pediulle, o pastor construíu unha ermida. Fíxoa a base de barro e auga da zona, pero esta non tardou máis dunha noite en vir abaixo. Dúas veces máis tentou o pastor levantar a ermida cos mesmos materiais, e dúas veces máis obtivo o mesmo resultado. Entón, o santo volveu aparecer e reclamoulle ao pastor unha construción máis sólida. Así foi, aínda que a igrexa orixinal (máis modesta), non é a que se atopa na actualidade, que data do século XIX.
A fonte ‘santa’ atópase baixando as escalinatas desde a entrada principal do templo
Miles de fieis renovan cada ano a súa devoción polo San Benito de Lores sobindo á capela en romaría. Algúns acoden buscando a cura para as súas doenzas ou para cumprir algunha promesa que lle fixeron ao santo durante o ano.







